A Colección Clásicos do Pensamento Universal incorpora catro novos títulos
A colección Clásicos do Pensamento Universal, coeditada pola USC e a Fundación BBVA, presentará o luns 7 catro novos volumes nun acto ás 12.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Nesta presentación presidida polo reitor Juan Viaño, intervirán o director da Colección e presidente da Real Academia Española, o profesor Darío Villanueva, e a directora de Comunicación e Relacións Institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca Zarasqueta, ademais dos/as prologuistas e traductores.
As obras que se incorporan á colección son Charles Sanders Pierce: Semiótica. Textos selectos, con prólogo de Mª Uxía Rivas Monroy e tradución de Manuel Outeiriño; Spinoza: Ética, demostrada segundo a orde xeométrica, prologada por Luis Rodríguez Camarero e traducida por José Carracedo Fraga e Manuel E. Vázquez Buján; John Maynard Keynes: As consecuencias económicas da paz, cuxo prologo asina Jaime García-Lombardero y Viñas e tradución de Manuel J. Barreiro Gil; e Rachel Carson: primavera silenciosa, de cuxo prólogo é autor Pablo Ramil Rego, mentres que da tradución encargouse o ex reitor Juan Casares Long.
Clásicos do Pensamento Universal
Esta colección reúne unha serie de volumes traducidos ao galego dende as linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. Nos procesos de creación, tradutor/a e prologuista, traballan en estreita colaboración para asegurar a maior coherencia do produto final e así facultar ao lector moderno a penetrar no texto coa guía metodolóxica e a imprescindible contextualización da obra traducida e o seu autor, que ofrece o prólogo introdutorio do especialista.
Clásicos do Pensamento Universal é unha iniciativa que promoven dende 2002 a Universidade de Santiago e a Fundación BBVA estando deseñada, editada e producida integramente polo Servizo de Publicacións e a Imprenta Universitaria compostelá.