A colección Esenciais impulsa dezaseis novos títulos que achegan o galego á docencia

Un total de dezaseis novos Esenciais, as guías de referencia que resumen unha materia ou unha parte significativa dela para acompañar o alumnado no proceso de aprendizaxe dos contidos, acaba de ver a luz, sumándose aos 24 títulos publicados ata o de agora. A Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), apoia e financia a elaboración destes novos títulos que nutren unha colección nacida co obxecto de achegar o galego á docencia.
Os Esenciais nacen en consonancia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, o cal aspira a garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas. Os Esenciais permiten “mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na Universidade, así como transmitir información veraz e crear materiais válidos para o Ensino Secundario”, destacou o vicerreitor Gumersindo Feijoo Costa. “Os Esenciais conforman un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas”, destacou.
Novos títulos
A listaxe de títulos está integrada por ‘O programa estatístico R. Guía rápida das principais utilidades e funcións’ e ‘Fundamentos da teoría da probabilidade. Resumos numéricos e representacións gráficas’ de María Isabel Borrajo García, Mercedes Conde Amboaje e Rosa María Crujeiras Casais; ‘Bioloxía da célula. Estrutura da célula vexetal e comunicacións intercelulares’ de Fátima Adrio Fondevila, Eva Candal Suárez e Manuel Noia Guldrís; ‘Bioloxía da célula. Estrutura da célula animal e unións intercelulares’ de Eva Candal Suárez, Manuel Noia Guldrís e Miguel A. Rodríguez Díaz; ‘Xenética humana. Conceptos básicos aplicados a ciencias da saúde’ de Begoña Villar Cheda; ‘Prácticas nun laboratorio de física. Gráficas, axustes e extracción de información’ de Pilar Brocos; ‘Contabilidade. 10 conceptos fundamentais para contabilidade na empresa de Pablo Durán Santomil e J. Raúl Canay Pazos; Economía e enerxía. O caso galego. Cuantificación mediante os fluxos enerxéticos’ de Adrián Dios Vicente e Xoán Doldán García; así como ‘Introdución ás ecuacións diferenciais ordinarias. Métodos de resolución de ecuacións diferenciais ordinarias escalares de primeira orde’ de Sebastián Buedo Fernández, Óscar A. Otero Zarraquiños e Rosana Rodríguez López.
‘Ecuacións diferenciais ordinarias. Modelos esenciais aplicados a distintos ámbitos científicos’ de M. Victoria Otero Espinar e Érika Diz Pita; ‘Medidas de asociación e discriminación na COVID-19. Táboas 2x2 e curvas ROC de Carmen María Cadarso Suárez e Paula Saavedra Nieves; ‘Química Orgánica. Alcanos: análise conformacional’ de María Pilar Vázquez Tato e Julio Antonio Seijas Vázquez; ‘Xeoloxía. O solo: compoñentes, formación e funcións’ de María Teresa Barral Silva, Remigio Paradelo Núñez, Roxelio Pérez Moreira; ‘Historia de Roma. Evolución política’ de Ana María Suárez Piñeiro; ‘Zooloxía. Insectos. Características e técnicas’ de J. C. Otero González; e ‘Anatomía humana. Láminas de esplancnoloxía en 3D’ de Ana Isabel Rodríguez Pérez, José Eugenio Rodríguez Fernández e Juan Suárez Quintanilla completan a relación de novos títulos da colección. Ademais, tamén se volveu a imprimir o esencial esgotado ‘Técnicas histolóxicas. Microscopía óptica, inmunohistoquímica, hibridación in situ e microscopía electrónica’ de Lucía García-Caballero Pérez, Marina Gándara Cortés e Rosalía Gallego Gómez.
Criterios
O impacto na comunidade universitaria é un dos criterios que se poñen en valor á hora de seleccionar as diversas propostas, así como a coincidencia con actuacións de promoción do uso do galego que o SNL considere prioritarias. O impacto no ensino non universitario, a calidade científica ou académica da proposta, así como a súa calidade lingüística, foron outros dos aspectos a ter en conta por parte da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro á hora de avaliar as propostas. Procurouse ademais que os títulos seleccionados cubrisen, na medida do posible, as cinco grandes áreas de coñecemento da USC, así como os estudos que se ofrecen tanto no Campus de Santiago coma no de Lugo. Valorouse tamén que puidesen ser utilizados en estudos de bacharelato.