Ir o contido principal

A colección Esenciais impulsa preto dunha vintena de novas guías didácticas para achegar o galego á docencia

Os Esenciais nacen en consonancia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, o cal aspira a garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade. FOTO: Santi Alvite
Os Esenciais nacen en consonancia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, o cal aspira a garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade. FOTO: Santi Alvite
As dezanove unidades presentadas este mércores súmanse ás cinco que xa se deran a coñecer a comezos de ano e que conforman un resumo executivo de materias ou partes de materias con información veraz e contrastada
Lugo, Santiago de Compostela

Dezanove guías pertencentes á colección Esenciais da USC acaban de ver a luz para resumir de maneira didáctica conceptos básicos de diversas materias ou partes de materias de grao e que mesmo podan chegar a ser empregadas como recursos pedagóxicos no bacharelato. As unidades presentadas este mércores súmanse ás cinco que xa se deran a coñecer a comezos de ano e que nacen “como ferramenta que permite achegar o galego á docencia”, tal e como destacou o reitor Antonio López no acto de presentación. Alén do reitor, tamén interviñeron na sesión o vicerreitor de Planificación Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala.

Os Esenciais nacen en consonancia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, o cal aspira a garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas. Os Esenciais permiten “mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na universidade, así como transmitir información veraz e crear materias válidos para o Ensino Secundario”, destacou o vicerreitor Feijoo Costa. “Os Esenciais conforman un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas”, destacou. Pola súa parte, Núñez Singala puxo o foco en que esta iniciativa permite “ofrecer recursos condensados do saber que conteñen o esencial dunha materia”.

Esenciais presentados

María del Carmen Yebra Biurrun e María Ramil Criado son as autoras do esencial ‘Química: aspectos básicos de ácidos e bases’. ‘Anatomía humana: sistema dixestivo e xenitourinario’ é obra de Ana Isabel Rodríguez Pérez, José Eugenio Rodríguez Fernández e Juan Antonio Suárez Quintanilla. María José Alonso Veloso dedicou os seus tres esenciais a abordar o barroco literario en España, tanto no caso de Lope de Vega, como no de Luis de Góngora e Francisco de Quevedo. Julio Seijas e María Pilar Vázquez Tato son autores da guía titulada ‘Química orgánica: estrutura dos compostos orgánicos: esteroisomería’; mentres que Pilar Mato Eiroa é a responsable do esencial ‘Álxebra linear numérica: sistemas lineares’.

María Elena Vázquez Abal coa guía ‘Xeometría diferencial: superficies regulares’; Juan Manuel Garrido Fernández e Francisco Omil Prieto con ‘Enxeñaría ambiental: tratamento de augas residuais’; Pilar Bermejo Barrera, María Elena Peña Vázquez e María Carmen Barciela Alonso con ‘Métodos analíticos espectroscópicos e electroquímicos: métodos electroanalíticos’ e con ‘Métodos analíticos espectroscópicos e electroquímicos: espectrometría atómica’; e María Belén Trigo García con ‘Dereito civil galego: tipos e réxime de propiedade do monte en Galicia’ integran un catálogo do que tamén forman parte Rosalía Gallego Gómez, Marina Gándara Cortés e Lucía García-Caballero Pérez con ‘Técnicas histolóxicas: microscopia óptica, inmunohistoquímica, hibridación in situ e microscopia electrónica’.

O esencial ‘Planificación estratéxica: ferramentas de análise da contorna: PESTEL e DAFO’ de Fernando Losada Pérez, Alejo Becerra Díaz e Jakson Renner Rodrigues Soares; ‘Tecnoloxía de ordenadores: definición, compoñentes e funcións’ de Francisco Manuel Fernández Rivera; ‘Análise matemática: o concepto de límite’ de Jorge Rodríguez López, Lucía López Somoza e Alberto Cabada Fernández; ‘O cálculo con Sage: comandos relevantes para o cálculo en ciencia e enxeñaría’ de Francisco José Pena Brage; ‘Matemáticas e estatística II: conceptos e fórmulas da estatística no Grao de Farmacia’ de José Carlos Díaz Ramos, Enrique Macías Virgós e Antonio Mariano Gómez Tato; e ‘Estatística descritiva: resumos numéricos e representacións gráficas’ de Rosa Crujeiras Casais, Mercedes Conde Amboaje e María Isabel Borrajo García, completan a listaxe.

A comisión que valorou as propostas tivo en conta a calidade lingüística e o impacto científico, entre outros aspectos. Coa colaboración da Real Academia Galega de Ciencias, quen revisou os esenciais pertencentes ás áreas de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría; así como da Xunta de Galicia, estas guías edítanse en diferentes formatos e poden ser adquiridas xa na web do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. No futuro, estarán dispoñibles en determinados puntos do campus e en librarías.

De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Antonio López e Manuel Núñez Singala. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Gumersindo Feijoo, Antonio López e Manuel Núñez Singala. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2020.