Ir o contido principal

A colección de gravados antigos de Puertas Mosquera exponse ata o 2 de decembro no Colexio de Fonseca

O visitante que se achegue ao Colexio de Fonseca poderá coñecer, a través de 270 gravados antigos, como eran no século XIX as principais cidades e vilas galegas. A mostra ‘Galicia no gravado antiguo. Colección Puertas Mosquera’ é unha produción conxunta da USC, o Consorcio de Santiago e a Fundación Caixagalicia que permanecerá aberta dende o 19 de outubro ao 2 de decembro.
A inauguración da exposición terá lugar este venres 19 ás 20:00 horas nun acto no que participan o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres Feijó; o alcalde de Compostela e presidente do Consorcio de Santiago; Xosé Sánchez Bugallo; e o director de Acción Social de Caixa Galicia, Xosé Manuel García Iglesias.
Carmelo Puertas Mosquera, compostelán de adopción, é un gran coleccionista de gravados antigos cuxo traballo xa en 2000 propiciou a mostra ‘Cartografía de Galicia. S. XVI ó XIX’ no Colexio de Fonseca, de rotundo éxito tanto de visitantes coma polo seu catálogo, que acadaría o recoñecemento ao libro mellor editado.
Nesta ocasión, a exposición reúne parte da súa colección de gravados -dunha selección de 800 pertencentes ao século XIX- que mostran cidades e vilas galegas no século XIX como A Coruña, Vigo, Baiona, Tui, Pontevedra, Vigo ou Baiona, e, principalmente, Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.10.2007.