Ir o contido principal

Colectivos da USC en Lugo organizan un ciclo de charlas e mesas redondas para analizar a crise desde múltiples perspectivas

A iniciativa parte das comisións de normalización lingüística do campus lucense, ás que logo se sumaron outros grupos de profesores, investigadores, PAS e estudantes

Diversos colectivos da USC no Campus de Lugo organizan para os meses de marzo e abril un ciclo de charlas e mesas redondas no que, baixo a denominación ‘Na Encrucillada’, se analizará a situación de crise na que vivimos desde as súas diferentes vertentes, co punto de partida común da universidade como institución xeradora de coñecemento e análise. A idea xurdiu desde as comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo, ás que posteriormente se foron unindo outros colectivos de docentes, investigadores, persoal de servizos e estudantes.

O ciclo desenvolverase en diferentes localizacións do Campus de Lugo, “como xeito de mostrar a implicación dos múltiples colectivos que se foron sumando a esta iniciativa”, indican os organizadores. Na rolda de prensa de presentación, que terá lugar o martes 13 ás 11.30 horas na sede da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, intervirán o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o profesor Marcelo Maneiro, da Facultade de Ciencias, un dos coordinadores da iniciativa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2012.