Ir o contido principal

O Colexio de Europa, galardoado co XVI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Juan Casares, no centro, flanqueado por Maurits van Rooijen (esquerda) e Anxo Lorenzo. Foto Alfonso-Servimav USC
Juan Casares, no centro, flanqueado por Maurits van Rooijen (esquerda) e Anxo Lorenzo. Foto Alfonso-Servimav USC

O Colexio de Europa, especializado en estudos europeos de posgrao, é o gañador do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia na súa décimo cuarta edición. Recoñécese así o seu esforzo na promoción dos valores europeos en educación superior. A candidatura fora presentada pola Fundación Galicia Europa. A decisión anunciouna este luns o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o reitor da USC, Juan Casares Long, e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. A cerimonia de entrega celebrarase o 21 de setembro deste ano no transcurso da XVIII asemblea xeral do Crupo Compostela de Universidades que terá lugar na Universidade finlandesa de Oulu. Colexio de Europa O Colexio de Europa acolle anualmente máis de 400 estudantes de todo o continente nas súas sedes de Bruxas (Bélxica) e Natolin (Polonia). Pioneira na especialización en estudos europeos fundárona en 1949 influentes figuras europeas como Salvador de Madariaga, Winston Churchill, Paul-Henri Spaak e Alcide de Gasperi durante o Congreso da Haya de 1948. A institución conta cunha división dedicada a investigación e desenvolvemento que colabora coa Comisión Europea, a Cruz Vermella, a Universidade de Nacións Unidas, as cátedras de investigación Jan Tinbergen de Economía e Robert Bosch de Civilización Europea ou o Centro para o Estudo do Dereito da Competencia, entre outros. Entre as persoas egresadas do Colexio –que tradicionalmente se especializan en dereito comunitario, economía internacional e política e administración- figuran o primeiro ministro de Dinamarca, Helle Thorning-Schmidt, ou o británico Nick Clegg. Xurado O xurado desta edición, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez, estivo composto ademais polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o vicepresidente de Relacións Internacionais da Universidade Maior (Chile), René Lara; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e a membro do Consello de Administración da Universidade de Nantes (Francia), Pilar Martinez-Vasseur. A secretaria executiva do Grupo, Isabel Lirola, actuou como secretaria. Anteriores edicións Desde a súa creación en 1997 o Premio recaeu en importantes figuras e institucións dedicadas á promoción do ideal común europeo, a educación e a preservación do patrimonio cultural. O galardón estreouno en 1997 o ex presidente da Comisión Europea, Jaques Santer, e a partir de aí recoñeceuse anualmente o labor de Václav Havel, presidente da República Checa; o director de orquestra alemán Helmuth Rilling; o escritor neerlandés Cees Nooteboom; a fiscal xefe do Tribunal para a ex Iugoslavia e Ruanda, Carla del Ponte; o arquitecto portugués Álvaro Siza; o investigador e catedrático da USC, Manuel Díaz y Díaz; o psicolingüista catalán Miquel Siguán Soler; o historiador, diplomático e político Wladyslaw Bartoszewski; o Grupo de Helsinki sobre mulleres e ciencia; o investigador Manuel Castells; Canal Arte, que nace en 1991 por iniciativa de las cadeas públicas de televisión de Francia e Alemaña; o escritor e xornalista libanés Amin Maalouf; o Premio Nobel da Paz Mohamed ElBaradei; e a vicepresidenta da Comisión Europea e comisaria da Axenda Digital Europea, Neelie Kroes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2012.