Ir o contido principal

O Colexio de Europa recibe o XVI Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

O reitor, á dereita, xunto ao presidente do Grupo, Maurits van Rooijen (e), e o reitor da Universidade de Oulu, Lauri Lajunen (c) nunha recepción aos asistentes á Asemble Xeral do Grupo
O reitor, á dereita, xunto ao presidente do Grupo, Maurits van Rooijen (e), e o reitor da Universidade de Oulu, Lauri Lajunen (c) nunha recepción aos asistentes á Asemble Xeral do Grupo
No marco da Asemblea Xeral do Grupo Compostela na Universidade de Oulu en Finlandia

O Colexio de Europa recibe nun acto na Universidade de Oulu en Finlandia o galardón correspondente á décimo sexta edición do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. A entrega prodúcese no marco dunha xuntanza da Asemblea Xeral que o Grupo Compostela celebra este días na universidades finlandesa e na que tamén participa o reitor Juan Casares. O Colexio de Europa acolle anualmente máis de 400 estudantes de todo o continente nas súas sedes de Bruxas (Bélxica) e Natolin (Polonia). Pioneiro na especialización en estudos europeos fundárono en 1949 influentes figuras europeas como Salvador de Madariaga, Winston Churchill, Paul-Henri Spaak e Alcide de Gasperi durante o Congreso da Haya de 1948. A institución conta cunha división dedicada a investigación e desenvolvemento que colabora coa Comisión Europea, a Cruz Vermella, a Universidade de Nacións Unidas, as cátedras de investigación Jan Tinbergen de Economía e Robert Bosch de Civilización Europea ou o Centro para o Estudo do Dereito da Competencia, entre outros. Entre as persoas egresadas do Colexio –que tradicionalmente se especializan en dereito comunitario, economía internacional e política e administración- figuran o primeiro ministro de Dinamarca, Helle Thorning-Schmidt, ou o británico Nick Clegg. O Premio, conxuntamente outorgado polo Grupo Compostela e a Xunta de Galicia dende 1997, condecora a persoas e institucións que traballan para a difusión de proxectos ou ideas internacionais, especialmente aquelas de carácter europeo e relacionadas coa educación e a preservación da herdanza cultural. Nos últimos anos, recibiron a distinción Neelie Kroes, vicepresidenta da Comisión Europea e Comisaria de Axenda Dixital, Mohamed ElBaradei, premio Nobel da Paz, o escritor e xornalista Amin Maalouf ou a canle de televisión Arte.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.09.2012.