Ir o contido principal

O Colexio de Fonseca abre as súas portas a unha mostra que profunda nunha imaxe inédita da faceta internacional de Valle-Inclán

A exposición ‘Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936]’ abre este martes 8 as súas portas no Claustro alto do Colexio de Fonseca coa vocación de profundar na dimensión internacional do autor a través das traducións realizadas en vida da súa obra. A partir das 20.00 horas, a mostra arranca nun acto inaugural no que participarán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, e a directora da Biblioteca Xeral da USC, Isabel Casal Reyes. A mostra axudará a explorar unha imaxe inédita do Valle-Inclán escritor e intelectual alén de Galicia e España, derivada do coñecemento de nova documentación en boa parte reunida nos últimos anos polo grupo de investigación Valle-Inclán da USC: un corpus que, ademais de ampliar considerablemente a nómina de xestores, tradutores, editores, críticos, revistas ou xornais, incorpora novas traducións das obras publicadas en vida do escritor; artigos críticos de recepción da súa figura e obra; o epistolario cruzado con algúns dos axentes responsables do proceso de publicación noutros países e mesmo as ilustracións e caricaturas que acompañan os textos. Para dar conta desta dimensión internacional da figura do autor exporanse catorce paneis que pretenden exhibir os múltiples lazos de Valle-Inclán no mundo saxón (Estados Unidos e Reino Unido), en Europa (Francia, Portugal e Italia), Europa do este (moi coñecido grazas aos esforzo de diversos hispanistas que o traduciron). A obra do autor galego foi traducida ao sueco, romanés, portugués, polaco, letón, italiano, islandés, inglés, húngaro, holandés, búlgaro, checo e francés.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2014.