Ir o contido principal

O Colexio de Fonseca acolle a presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo

O Colexio de Fonseca acolle a presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo
O Colexio de Fonseca acolle a presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo

O Colexio de Fonseca acolle este xoves 31 a presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente, obra coordinada polos profesores Marcelino Agís Villaverde e Javier Barcia González e por Rocío Carolo Tosar. A presentación comezará ás 18.00 horas no Salón Nobre coa asistencia do reitor Antonio López; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalice; Adrián Fernández-Albor Batallán, neto do presidente falecido; o profesor Marcelino Agís como coordinador do volume; e o presidente da editorial Galaxia, Antón Vidal Andión.

O libro recolle os relatorios e discursos do simposio internacional ‘Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente’ organizado polo Foro Galicia Milenio en colaboración coa USC e a Xunta de Galicia. Este encontro permitiu reflexionar sobre as achegas do que fora primeiro presidente da Xunta de Galicia ao mundo cultural e político desta comunidade coa perspectiva dun século. Como explica o profesor Agís Villaverde foi un foro aberto a moitas personalidades e intelectuais de Galicia que, coas súas contribucións, permitiron coñecer un pouco mellor o legado intelectual, político e humano de Fernández Albor.

A obra estrutúrase en cinco apartados que respectan os paneis do congreso: acontecementos históricos no devalar dun século; a Escola médica compostelán: ‘A fonte limpa’; o rexurdir da cultura e das institucións galegas; alicerces da Galicia Autonómica; e as novas realidades políticas en Galicia, España e Europa. En opinión de Marcelino Agís o presidente Fernández Albor “ non só puxo en marcha os alicerces da Autonomía de Galicia dende un punto de vista administrativo e político senón que dignificou á institución autonómica no seu conxunto, ademais de legar a Galicia un conxunto de infraestruturas e realizacións inmateriais pero decisivas para a nosa identidade colectiva”. Neste último apartado, Agís Villaverde destaca a capitalidade de Santiago de Compostela, a Lei de símbolos de Galicia, a Lei de Normalización Lingüística, a creación da Radio e Televisión de Galicia, a creación do Consello da Cultura Galega, o edificio administrativo de San Caetano, a compra do edificio da rúa do Hórreo para Parlamento de Galicia ao Ministerio do Exército ou o retorno a Galicia dos restos de Castelao para depositalos no Panteón de Galegos Ilustres, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2019.