Ir o contido principal

O Colexio de Fonseca acolleu o nomeamento de novos académicos de honra e numerarios da Academia Xacobea

O presidente da Xunta de Galicia investindo académico ao reitor Juan Viaño (Foto: Santi Alvite)
O presidente da Xunta de Galicia investindo académico ao reitor Juan Viaño (Foto: Santi Alvite)

O Colexio de Fonseca acolleu este xoves o acto de nomeamento do reitor Juan Viaño e do ex conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe como académicos de honra da Academia Xacobea nunha sesión presidida do titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Na mesma sesión foron nomeados académicos de número o vicepresidente da Academia Europea de Doutores, Xavier Añoveros Trías de Bes; os catedráticos das universidade de Vigo e A Coruña, Jesús de Juana López e Eduardo López Pereira, respectivamente; e o avogado Ulises Bértolo García.

Na súa intervención Viaño destacou a decisión desta Academia de incorporar profesorado e persoal investigador das “universidades situadas ao pé dos distintos camiños de peregrinación a Santiago, sen dúbida un elemento enriquecedor que a nosa Universidade e a Xunta de Galicia tamén potencian dende o Grupo Compostela de Universidades”. O reitor tamén mostrouse agradecido pola decisión de que o primeiro académico numerario en incorporarse a esta institución xacobea fora o catedrático da USC Marcelino Agís Villaverde, “quen tantas achegas ten realizado sobre os alicerces filosóficos e antropolóxicos do fenómeno da peregrinación xacobea”.

A Academia Xacobea nace co obxectivo de fomentar a investigación, estudo e divulgación do mundo xacobeo na súa vertente científica e artística, que inclúe dende os traballos e ensaios científicos ata a literatura de ficción.

Foto de grupo dos novos académicos e autoridades (Foto: Santi Alvite) Público asistente ao acto (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2017.