Ir o contido principal

O Colexio de Fonseca alberga ata finais de agosto unha mostra de instrumentos musicais antigos

O vicerreitor Javier Garbayo e o conselleiro Samuel Juárez ante a reprodución do organistrum
O vicerreitor Javier Garbayo e o conselleiro Samuel Juárez ante a reprodución do organistrum

O Colexio de Fonseca albergará ao longo do mes de agosto unha exposición de instrumentos musicais antigos nunha iniciativa que promoven a USC e Bodegas Martín Códax baixo a denominación ‘ Músicas de pedra e cantos de peregrinación’. A mostra abriuse ao público mostrando os instrumentos do concerto que o grupo de Música Antiga Martín Códax ofreceu o pasado xoves no Altar Maior da Catedral de Santiago. A inauguración oficial da mostra celebrouse no propio Colexio de Fonseca coa presenza do vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez Casado; o presidente do Consello de administración da Bodega, José Martínez Chantada; e o xerente da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos. Fídulas, cítaras, vihuelas de arco, chirimías, organistrum, cromornos, zanfonas, cornetos, laudes, baldosas, frautas e órgano forman parte da exposición que se poderá visitar nas instalacións universitarias entre os días 2 e 31 do vindeiro mes. Son un total de 17 instrumentos recollidos no Pórtico da Gloria e reproducidos para o Grupo de Música Antiga Martín Códax. Tal e como se puxo de manifesto na inauguración, a exposición representa unha grande oportunidade para o gran público de realizar un percorrido pola historia musical do país, base da cultura actual.

Durante este período a mostra permanecerá aberta ao público de martes a sábado, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, e os domingos e festivo en horario matinal unicamente.

A inauguración celebrouse no propio Colexio de Fonseca

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.08.2010.