O Colexio de Fonseca albergará en agosto unha mostra de instrumentos musicais antigos

O Colexio de Fonseca albergará o vindeiro mes de agosto unha exposición de instrumentos musicais antigos nunha iniciativa que promoven a USC e Bodegas Martín Códax. A mostra abrirase ao público mostrando os instrumentos do concerto que o grupo de Música Antiga Martín Códax vai ofrecer este xoves 29 no Altar Maior da Catedral de Santiago. As principais características de ambas actividades presentáronse este mércores nunha rolda de prensa na que o vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, estivo acompañado do xerente da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; do director do Grupo de Música Antiga Martín Códaz, Miguel Ángel López Fariña; e do presidente do Consello de administración da Bodega, José Martínez Chantada. Fídulas, cítaras, vihuelas de arco, chirimías, organistrum, cromornos, zanfonas, cornetos, laudes, baldosas, frautas e órgano forman parte da exposición que se poderá visitar nas instalacións universitarias entre os días 2 e 31 do vindeiro mes. Durante este período a mostra permanecerá aberta ao público de martes a sábado, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, e os domingos e festivo en horario matinal unicamente.
Tal e como se puxo de manifesto na rolda de prensa, a exposición representa unha grande oportunidade para o gran público de realizar un percorrido pola historia musical do país, base da cultura actual.