Ir o contido principal

Un coloquio na Casa do Saber de Lugo aborda as particularidades, a historia e as perspectivas da propiedade da terra en Galicia

Vista xeral dunha das mesas redonda do coloquio 'A propiedade da terra: desde a historia para o futuro. 30 anos da publicación de La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, de Ramón Villares'
Vista xeral dunha das mesas redonda do coloquio 'A propiedade da terra: desde a historia para o futuro. 30 anos da publicación de La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, de Ramón Villares'
As xornadas desenvólvense os días 16 e 17 e serven de homenaxe á obra

Os días 16 e 17 de novembro a Casa do Saber de Lugo acolle o coloquio A propiedade da terra: desde a historia para o futuro. 30 anos da publicación de La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, de Ramón Villares, organizado pola Rede de Agroecoloxía ReVOLTA da USC e da Universidade de Vigo. Desta iniciativa forman parte o Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), o Grupo de Estudos de Historial Empresarial e Sectorial (Gespic), o Laboratorio do Territorio (LaboraTe), o Grupo de Investigación Construción Sostible para o Medio Rural e Natural (Cosmerun), e o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecomía (Gieea), este último da Uvigo. Na inauguración do coloquio participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o coordinador da Rede de Agroecoloxía ReVOLTA, o profesor da USC Lourenzo Fernández Prieto. García Herradón incidiu na importancia de analizar o uso da terra “desde unha perspectiva multidisciplinar, que integre as achegas dos diferentes ámbitos que conforman a rede que organiza estas xornadas”, e manifestou a súa satisfacción pola elección da Casa do Saber como sede do encontro, “o que axuda a dotar de contidos este espazo, creado xustamente para acoller actividades de análise, debate e difusión de coñecemento coma esta”. Pola súa parte, Lourenzo Fernández destacou a tema da propiedade da terra como “un dos elementos fulcrais no traballo da rede de agroecoloxía ReVOLTA, polo que non podía ser outro o aspecto arredor do que xirara este encontro que serve de peche ás actividades desenvolvidas ao longo de todo o ano”. Fernández Prieto lembrou tamén “a outra finalidade deste coloquio, revisitar a obra de Ramón Villares, que no seu momento significou o punto de partida para un novo xeito de abordar do estudo da propiedade da terra, e sobre a que é preciso volver pola súa vixencia e actualidade”, ao tempo que amosou as súas expectativas por que este coloquio “puxera sobre a mesa tamén todo o que se mudando neste tempo en canto a investigación, lexislación e usos da terra en Galicia”. Programa das xornadas A primeira das mesas redondas leva por título ‘O interese do estudo histórico da propiedade no contexto da revolución burguesa’ e nela participan os profesores Ramón Villares (USC), Ramón Garrabou (Universitat Autònoma de Barcelona), Manuel González de Molina (da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla), Ricardo Robledo (Universidad de Salamanca) e Jesús Millán (Universitat de València), con Lourenzo Fernández Prieto como moderador. A continuación outra mesa redonda centrará o debate na relación entre propiedade individual (minufundio) e propiedade comunal (latifundio) e as mudanzas históricas no sentido da propiedade; nestoutro coloquio interveñen os profesores Xesús Balboa e Ana Isabel García Arias (USC) e David Soto (Universidad Pablo Olavide), e o maxistrado Luis Villares. O encargado de moderar o debate será Xoán Carmona Badía, da USC. A actividade da tarde desta primeira xornada consistirá nunha sesión de traballo de campo no lugar de San Salvador de Asma (Chantada). Nela falarase, sobre o terreo, da dispoñibilidade de datos acerca da propiedade, a súa evolución pasada e o seu estado actual. Os encargados de coordinar a actividade son os profesores da USC Ramón Villares, e Luis Guitián. O programa continúa o sábado 17 coa mesa redonda ‘Onte e hoxe da propiedade e uso da terra: efectos territoriais e organización da produción. ¿Para que vale a propiedade da terra hoxe?’, a cargo dos investigadores Eduardo Corbelle, Xoán Carlos Carreira, Pegerto Saavedra e Edelmiro López Iglesias, moderados por Xavier Simón Fernández, da Universidade de Vigo. Baixo esta mesma epígrafe desenvólvese a segunda mesma redonda da xornada, na que os interviñentes serán os profesores Rafael Crecente, Xaquín Fernández Leiceaga e Francisco Ónega (USC), e Xavier Simón (Universidade de Vigo), ademais dun dos fundadores da cooperativa Monte Cabalar (A Estrada), Fuco Barreiro. Neste último coloquio o moderador será David Miranda Barrós, da USC. O encontro rematará coa clausura das actividades da Rede de Agroecoloxía, enmarcadas na nos principios da iniciativa, que explica o seu coordinador: “Non defendemos nin o minifundio privado nin o latifundio comunal, porque o obxectivo é superar os límites da propiedade para a mobilización dos recursos e as posibilidades produtivas no mundo rural que vaian en favor das comunidades e da sustentabilidade”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2012.