Ir o contido principal

Un Coloquio Internacional analizará a relación entre os campus universitarios e as cidades nas que se emprazan

Trátase dunha iniciativa incluída no Ano Rodríguez Cadarso

A relación entre os campus universitarios e as cidades nas que se emprazan será o obxecto de análise dun Coloquio Internacional que a USC organizará os vindeiros días 19 e 20 de xaneiro como parte das actividades organizadas dentro do Ano Rodríguez Cadarso.
Deste xeito, o Coloquio Internacional ‘Campus Universitarios e a súa integración na Cidade. O Campus Histórica da USC’ celebrarase no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, coa presenza de destacados especialistas e profesionais. Entre os temas a tratar, o programa inclúe dúas mesas redondas nas que se prestará atención ás novas funcións que deben atender os campus e como sobrevivir no futuro para evitar a súa desaparición como espazos de entidade propia.
Os debates destas dúas sesións tamén xirarán ao redor doutros aspectos como os modelos universitario-urbanos ante o Espazo Europeo de Educación Superior, as paisaxes universitarias ou a nova realidade urbana que pode chegar a conformar a comunión entre campus e cidade. A figura de Rodríguez Cadarso tamén estará presentes nas sesión nunha conferencia sobre o contexto e o proxecto arquitectónico da Residencia Universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.12.2008.