Ir o contido principal

Os Coloquios en Compostela 2010 propoñen unha reflexión multidisciplinar sobre a relación entre migracións e interculturalidade

Comezan este xoves ás 19:30 horas no Paraninfo da Universidade

Os Coloquios en Compostela achegan na súa edición de 2010 unha reflexión arredor do tema ‘ Migracións e Interculturalidade: os feitos e as políticas’, lema que este ano adopta o coloquio internacional organizado anualmente pola Cátedra Unesco 226 sobre Migracións. O encontro comezará na Facultade de Xeografía e Historia este xoves 11 de novembro e estenderase ao longo da xornada do día 12 coa presenza de representantes de diversas Cátedras Unesco nas universidades de Navarra, País Vasco, A Rioxa, Jaume I de Castellón, e da propia USC, así como do Institu d’Estudis Catalans de Barcelona. Na axenda de temas a tratar, os expertos debaterán sobre a relación de educación, interculturalidade e cultura de paz; novos desafíos para o ordenamento xurídico español en materia de interculturalidade e dereito de Familia; experiencias e propostas sobre diversidade lingüística e diálogo intercultural no espazo urbano; ou a promoción da interculturalidade na Galicia actual. Programa A conferencia inaugural terá lugar este xoves a partir das 19:30 horas no Paraninfo da Universidade da man da profesora da Universidade Aberta de Lisboa Mª Beatriz Rocha, que falará sobre ‘Sociedades plurais e relaçoes de interculturalidade’.

A quenda de intervencións continuará o venres 12 coa presenza a partir das 9:00 horas de Manuel Dios, da Cátedra Unesco sobre Cultura de Paz e dos Dereitos Humanos da USC, cun relatorio no que explora a relación entre educación, interculturalidade e cultura de paz. Seguiranlle os representantes das Cátedras Unesco de Filosofía de Paz da Universidade Jaume I e de Cidadanía Democrática e Liberdade Cultural da Universidade da Rioxa e a profesora da Universidade de Córdoba Irene Blázquez para analizar novos desafíos do ordenamento xurídico español en temas de multiculturalidade e dereito de familia. A xornada reanudarase pola tarde a partir das 16:30 horas cunha serie de relatorios relativos á diversidade lingüística, migracións e relixiosidade ou a situación da interculturalidade na Galicia actual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2010.