Unha comedia clásica en clave de parodia, segunda cita do Festival de Teatro Universitario de Lugo
Continúa a décimo oitava edición do Festival de Teatro Universitario do Campus de Lugo coa segunda das súas citas: Comedia famosa do cabaleiro de Olmedo, da compañía teatral universitaria en Santiago de Compostela, dirixida por Roberto Salgueiro. A representación da obra é o venres 23 ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire da capital lucense. O novo traballo da compañía dramática universitaria achega a adaptación dunha obra de Francisco Antonio de Monteser titulada Comedia burlesca del caballero de Olmedo, publicada en 1651 e que é, á súa vez, unha parodia da célebre El caballero de Olmedo, de Lope de Vega, publicada dez anos antes. A comedia de Monteser caricaturiza os personaxes arquetípicos e os tópicos das obras do teatro do século de Ouro español, exemplificado na obra de Lope. Os responsables desta adaptación que leva a cabo o grupo de teatro da USC destacan “a sorprendente modernidade do texto, a pesar de que aínda hoxe segue a ser un gran descoñecido nos escenarios”. Con motivo da celebración dos dezaoito anos de existencia do certame, no mesmo auditorio Gustavo Freire onde se representan as obras pódese visitar tamén unha exposición na que se recolle o traballo desenvolvido desde 1993 a través dunha mostra con fotografías das producións teatrais representadas. Outras citas do certame Esta edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo desenvólvese entre o 22 e o 27 de marzo, e componse de cinco obras que abranguen as máis variadas propostas, desde o teatro clásico ás tendencias de vangarda, pasando pola adaptación desde a novela e as obras de denuncia social, un dos temas máis presentes na oferta escénica desta edición. A entrada ás representacións é gratuíta en todos os casos. O domingo 25 será a quenda de Teselas, unha novidosa proposta realizada a partir das achegas de alumnos e alumnas lucenses da Escola Superior de Arte Dramática de Madrid. O luns 26 preséntase Un novo mundo feliz, adaptación da coñecida novela de Aldous Huxley realizada polo grupo Mariacastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense. O festival péchase o martes 27 coa actuación da compañía polaca Theatre Nie Ma; a representación, en inglés e polaco, inspírase na obra de William Shakespeare Soño dunha noite de verán. O certame forma parte do programa Lugo Cultural, no que a USC conta coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo.