A comercialización de produtos forestais centra unha sesión formativa promovida polo grupo Ruralia na Escola Politécnica
A comercialización de produtos forestais centrará este mércores 9 de marzo a temática da xornada inaugural do ciclo ‘Na EPS queremos saber’, un programa de formación e divulgación promovido polo grupo de innovación docente Ruralia que terá continuidade ao longo do segundo semestre do presente curso.
O estudo do caso de Maderas Besteiro, unha empresa familiar con sede en Lugo e que destaca por ter realizado unha aposta importante pola diversificación da súa actividade, pola innovación e a mellora continua, capitalizará a temática da primeira xornada deste ciclo, unha sesión que se desenvolverá a partir das 16.00 horas na Aula 18 da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. O xerente da empresa Maderas Besteiro, Mario Carballo, será un dos relatores que explicará polo miúdo e evolución experimentada pola empresa Maderas Besteiro, unha traxectoria que posibilitou situar esta firma nunha posición de liderado no sector a nivel de Galicia. Carballo tamén abordará na súa intervención os futuros retos aos que se enfronta Maderas Besteiro, así como as estratexias deseñadas pola firma luguesa para avanzar na comercialización de produtos forestais. Esta primeira sesión do ciclo ‘Na EPS queremos saber’ é de carácter gratuíto e está aberta á participación de todo o público interesado na temática que se vai tratar.