Comeza en Compostela o festival son[UT]opías, encontro internacional de compositores e intérpretes multiculturais contemporáneos
![Comeza en Compostela o festival son[UT]opías, encontro internacional de compositores e intérpretes multiculturais contemporáneos Comeza en Compostela o festival son[UT]opías, encontro internacional de compositores e intérpretes multiculturais contemporáneos](http://assets.usc.gal/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/xornal/acontece/imaxes/2013_06/260613emsemble.jpg?itok=21GsB0o8)
A Universidade de Santiago será esta semana un crisol de culturas contemporáneas co festival sonUTopias 2013-2016, que reunirá na cidade compositores e intérpretes de todo o mundo para fomentar a nova creación a través da comisión, estrea e difusión de composicións. O encontro que organiza o proxecto campUSCulturae bota a andar co Atlas Academy, que entre o 27 e o 30 de xuño desenvolverá un intenso programa de actividades con conferencias, proxección de documentais, concertos e seminarios. Orquestra de cámara única Atlas Ensemble é unha orquestra de cámara única, afincada en Amsterdam, que reúne brillantes músicos de China, Asia central, Oriente próximo e Europa. O conxunto presenta un mundo de sons inexplorados a través de instrumentos procedentes de diferentes culturas e o seu repertorio consiste integramente en obras especialmente encargadas para a formación. A formación Atlas Ensemble ofrece así en Compostela unha oportunidade única de participar nun encontro internacional de compositores e intérpretes ao redor da música do este e instrumentos multiculturais. En SonUTopias 2013 poderase escoitar algunhas destas obras e asistir, ademais, á estrea mundial de tres composicións que amplían o seu catálogo. A presenza da agrupación en Santiago brindará tamén a ocasión de gozar do son destes instrumentos nun concerto de música tradicional. Formación residente O recital inaugural deste Atlas Academy correrá a cargo da formación residente de SonUTopías, Vertixe Sonora Ensemble, que tamén se encargará do peche, a través dunha combinación das súas propostas de música contemporánea cos sons de Atlas Ensemble. Vertixe Sonora Ensemble é un colectivo flexible que integra solistas de importante traxectoria na música contemporánea en Galicia e que se formula como un espazo aberto á reflexión sobre ela. Está formado por artistas sonoros, plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza, unidos pola vontade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva artística global. Concertos de entrada libre Ademais dos contidos académicos e formativos, fundamentalmente dirixidos a compositores e intérpretes, cada unha das xornadas do festival son[UT]opías pecharase cun concerto diario de acceso libre. O primeiro será este xoves 27 ás 21.00 horas no Auditorio de Novagalicia Banco coa produción de Vertixe Sonora Ensemble titulada ‘Tránsito’. Xa o venres 28 na praza de Praterías os músicos interculturais de Atlas Ensemble converterán ás 23.00 horas a fachada da Casa do Cabildo nun espectáculo de luz, cor e sons chegados de Oriente e Asia Central. Os seguintes concertos serán o sábado 29 ás 21.00 horas na Igrexa de Mazarelos a cargo de Atlas Ensemble e o domingo a actuación final conxunta de Atlas e Vertixe ás 21.00 horas de novo no Auditorio de Novagalicia Banco.