Comeza o concurso USC-Tesouro
Este martes 18 ponse en marcha o Concurso USC-TESOURO, dirixido a todo o alumnado dos distintos niveis matriculado neste curso académico na Universidade compostelá. Esta é unha iniciativa que conta co apoio da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua. USC-TESOURO ten por obxectivo que o alumnado poida achegarse aínda máis á riqueza histórica, cultural, científica e docente que atesoura a Alma Máter compostelá. Consistirá en contestar correctamente un cuestionario de 100 preguntas relacionadas coas facultades, servizos, actividades, historia e outras particularidades da USC. Cada pregunta ten seis respostas posibles, das que tan só unha delas será correcta. Definiuse un cuestionario específico para o alumnado do campus de Lugo e outro para o de Compostela, ambos os dous tanto en galego como en castelán. O Concurso estenderase entre as 13.00 horas do 18 de febreiro e as 13.00 horas do 18 de abril. Para participar nel haberá que acceder ao Xestor de Enquisas da USC mediante unha clave persoal que recibirá por correo electrónico cada alumno/a da USC este martes. As bases do Concurso así como toda a información relacionada, incluídos os premios e os patrocinadores pode consultarse na páxina web no concurso (http://www.usc.es/gl/proxectos/usctesouro). Actuará como coordinador desta actividade o profesor José Ángel Docobo Durántez, promotor da mesma.