Ir o contido principal

Comeza en Filoloxía un ciclo de conferencias sobre a evolución do documento escrito a través do tempo

Trátase dunha iniciativa complementaria da mostra 'Fármaco da memoria. O documento escrito a través do tempo'

Conferenciantes das universidades de Alcalá e de Santiago protagonizarán a partir da próxima semana un ciclo de conferencias complementarias da exposición ‘Fármaco da memoria. O documento escrito a través do tempo’ aberta ao público no vestíbulo da Facultade de Filoloxía ata o día 26 de abril.
A primeira das citas deste ciclo será o vindeiro luns 14, cando o profesor da Universidade de Alcalá Pedro Sánchez-Prieto Borja pronunciará o relatorio ‘Escritura no tempo (o documento escrito e a historia da lingua española)’ nunha sesión prevista para as 17:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. A vindeira conferencia será o xoves 17, ás 12:00 horas, impartida por Verónica Sierra Blas e Laura Martínez Martín, ambas as dúas de Alcalá, e titulada ‘Para que non me esquezas... Escritura, emigración e guerra na Época Contemporánea’.
O profesor da USC Fernando López Alsina pechará o ciclo o día 21 de abril cunha intervención na que reflexionará respecto da utilización da rede para a investigación do documento escrito en Galicia. A intervención celebrarase igualmente no Salón de Graos de Filoloxía a partir das 12:00 horas.
Fármaco da memoriaA evolución experimentada polos documentos escritos en canto aos seus soportes, funcións ou tipos é o argumento da mostra ‘Fármaco da memoria’, cedida temporalmente pola Universidade de Alcalá e realizada polos grupos de investigación desta universidade, LEA (Lectura, escritura e alfabetización) e GITHE (Textos para la historia del español).
A exposición é unha invitación a percorrer o uso da escritura ao longo da historias, os seus múltiples sistemas en lugares e épocas diferentes, os tipos de documentos, a súa funcións en sociedades diversas, dende os máis elevados usos aos máis humildes ou o seu papel na configuración da lingua moderna, trátase en suma, “dun instrumento sen o que o cal o concepto mesmo de historia non existiría”, engaden os responsables desta iniciativa.
O conxunto de actividades a desenvolver en Santiago está coordinado por Marta Blanco e Elena Rivas, do Departamento de Lingua Española da USC, e por Víctor Santidrián, da Fundación 10 de Marzo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2008.