Ir o contido principal

Comeza en Filoloxía o primeiro congreso internacional sobre ensino/aprendizaxe do inglés coa presenza de máis de 200 expertos procedentes de todo o mundo

O primeiro congreso internacional sobre ensino/aprendizaxe do inglés (ICELTL1) congregará dende este mércores 10 e ata o próximo día 13 na Facultade de Filoloxía da USC a máis de 200 expertos procedentes de universidades e centros de investigación de China, Xapón, Singapur, Nova Zelanda, India, Colombia, Estados Unidos, Tunicia, Arabia Saudita, Irán, Francia, Portugal, Reino Unido, Italia, Turquía, Alemaña e España.
A inauguración oficial do congreso celebrarase este mércores ás 12:00 horas no Salón de Actos do centro compostelán presidida polo vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, que estará acompañado polo decano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González Seoane, do director do Departamento de Filoloxía Inglesa, José Manuel Barbeito Varela, e do coordinador do encontro e director do Centro de Linguas Modernas, Ignacio Palacios.
Deseguido, celebrase a primeira sesión plenaria do programa, coa conferencia do catedrático emérito da Universidade de Bangor (Gales) David Crystal, figura de primeira liña e de gran influencia no campo da Lingüística inglesa, e autor de máis dun centenar de publicacións tales como O inglés como lingua global, Dicionario de Lingüística e Fonética, Enciclopedia da lingua inglesa ou A revolución da linguaxe. O profesor Crystal pronunciará a conferencia ‘’The future of Englishes’. Con anterioridade, dende ás 10:00 horas, celebraranse diversas sesión simultáneas ao redor da aprendizaxe e adquisión dunha segunda lingua, tecnoloxías para o ensino ou autonomía na aprendizaxe, entre outros temas. As sesións paralelas proseguirán pola tarde.
O propósito do encontro é debater todos os temas de actualidade relativos ao ensino e aprendizaxe desta lingua nun tempo onde o inglés é considerado como lingua global ou franca e de cuxo coñecemento adoecen moitos españois, sobre todo en comparación co grao de competencia rexistrado noutros países europeos. Así, abordaranse un gran variedade de temas, desde o ensino das catro destrezas, o papel das novas tecnoloxías, o ensino da gramática e o vocabulario ata cuestións referidas á investigación no campo da lingüística aplicada ao ensino do inglés.
Entre os conferenciantes invitados atópanse os profesores Jeremy Harmer, Eddie Williams, Amos Paran e o catedrático de Didáctica da Lingua e da Literatura, José Manuel Vez Jeremías, todos eles especialistas de grande prestixio no ensino do inglés. As achegas dos relatores e conferenciantes agrúpanse en comunicacións, obradoiros e mesas redondas, entre as que se atopan unha na que se fará unha diagnose do ensino do inglés en España.
O congreso organízao o grupo de investigación do Departamento de Filoloxía Inglesa da USC coordenado polo profesor Ignacio Palacios, director do Centro de linguas modernas, xunto cos profesores Mario Cal, Xabier Fernández Polo, Paloma Núñez Pertejo e Lidia Gómez García.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2008.