Comeza o IV Ciclo de Teatro Comunitario que estuda a relevancia das artes escénicas na vida asociativa das vilas e aldeas

O Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da USC acollerá dende este martes, 3 de maio, a cuarta edición do Ciclo de Teatro Comunitario baixo o lema ‘ Teatro (É) Educación’ no que se mostrarán os traballos realizados por grupos que desenvolven a súa actividade nas vilas e aldeas galegas. O ciclo comezará ás 17:30 horas co acto inaugural e continuará coa conferencia do actor Artur Trillo sobre as achegas socioeducativas do teatro comunitario. A continuación, ás 19:30 horas, o grupo de teatro Quemaisten das Pontes representará a obra ‘Cinema’. O curso, que concluirá o 12 de maio, inclúe conferencias nas que se analizarán temas como o teatro afeccionado nas diferentes etapas (infantil, secundaria, adultos e terceira idade) ou a consolidación de grupos de teatro en contornas profesionais. Así mesmo, cada un dos días haberá representacións teatrais a cargo dos grupos da Residencia de Maiores Concepción Arenal da Coruña, do Centro Sociocultural de Conxo e da Facultade de Ciencias da Educación.
A iniciativa está organizada pola Comisión Cultural e de Normalización Lingüística e o grupo de teatro da Facultade de Ciencias de Educación co apoio da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade