Comeza en Lugo o curso de verán da USC sobre as clínicas veterinarias
‘As clínicas veterinarias na sociedade do benestar: o veterinario como profesional da nutrición, do manexo e da protección dos animais de compañía’ é o título do primeiro curso de verán do 2008 que se impartirá no campus de Lugo, dun total de sete que se reparten entre os meses de xullo e setembro.
Este curso, dirixido por Vicenta Rueda, ten unha duración de 16 horas repartidas en catro sesións, que comezarán este xoves 10, ás 10:00 horas, e rematarán na tarde do venres. Celebrarase no Auditorio da Facultade de Veterinaria e están inscritos no mesmo 72 persoas.
O obxectivo deste curso é reflexionar sobre a importancia da actividade profesional do veterinario na nutrición, o manexo e a protección dos animais de compañía. Entre os relatores presentes no curso figuran profesores da propia USC, así como profesionais que están a desenvolver o seu traballo en empresas e distintas clínicas, así como unha responsable da Consellería de Medio Ambiente. Para os alumnos esperta especial interese a presenza de Ainare Idoiaga, egresada da Facultade del Lugo e que desenvolve a súa actividade profesional en Nixeria, traballando cuns primates en perigo de extinción denominados mandrillus, no Drill Rehabilitation and Breeding Center, pertencente á Fundación Pandrilus. Ademais dos relatorios, o curso contará coa presentación da Fundación Affinity e cun coloquio posterior.
O curso está estruturado en catro sesións. Na primeira, titulada ‘En Portada: Etoloxía’, estudarase o impacto do comportamento animal sobre a sociedade, que non é máis que un reflexo do comportamento humano. Analizarase o feito de que os veterinarios traballan nunha sociedade desequilibrada na que conviven excesos e deficiencias, e na que a Administración e os profesionais deben e poden ser moduladores e educadores dos diferentes colectivos sociais. Por iso, en tres relatorios recollen cuestións tan importantes como hiperfaxia e obesidade, agresividade e responsabilidades da Administración.
A segunda sesión, ‘Xeriatría’, analiza os problemas xeriátricos que teñen os animais porque actualmente supoñen un gran impacto nas mascotas e no seu entorno. En numerosas ocasións o ocaso da vida dos animais de compañía coincide no ámbito familiar con nenos ou con anciáns nos que os padecementos das súas mascotas inflúen significativamente no seu estado de ánimo e isto repercute no seo da familia. Novamente é o veterinario o que pode facer que estes problemas se minimicen.