Comeza o luns en Santiago o VIII Congreso da Asociación Internacional Siglo de Oro
Máis de 300 congresistas de catro continentes reuniranse en Santiago a vindeira semana para asistir ao VIII Congreso da Asociación Internacional Siglo de Oro (AISO) ‘Compostella Aurea’, que organizan conxuntamente a USC e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (CEEC), adscrita ao Ministerio de Cultura. O encontro, que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía entre o 7 e o 11 de xullo, conta ademais coa colaboración do Ministerio de Educación y Ciencia, a Xunta de Galicia e o Consorcio de Santiago de Compostela.
A sesión inaugural terá lugar no Colexio de Fonseca este luns 7 ás 10:00 horas nun acto ao que asistirán o reitor da USC, Senén Barro; a conselleira de Eucación, Laura Sánchez Piñón; o vicerreitor de Cultura; Elias Torres; e Carlota Álvarez-Basso en representación da Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales. Logo do acto oficial de apertura o profesor Ignacio Arellano, da Universidade de Navarra, pronunciará a primeira conferencia plenaria titulada ‘Poder, autoridade e desautorización no teatro de Calderón’.
A continuación, ás 12:00 horas, inaugurarase no segundo andar do edificio unha exposición de libros de emblemas que posúe a Biblioteca da USC, grandes tesouros bibliográficos dos séculos XVI e XVII todos eles que enriquecen o patrimonio da Universidade.
O congreso continuará pola tarde xa na facultade de Filoloxía con diversas sesións paralelas sobre poesía, teatro, prosa e autores coñecidos e non tan coñecidos para rematar, ás 17:45 horas, coa presentación de proxectos e novidades bibliográficas, nesta ocasión a cargo de María Luisa Lobato, da Universidade de Burgos, e de Jesús Maestro, de Vigo. Finalmente celebrarase no Salón de Actos do centro a asemblea xeral da AISO.
AISOAISO é unha das máis prestixiosas asociacións internacionais do hispanismo que agrupa aos máis destacados investigadores do mundo no eido da literatura e cultura do Século de Ouro. A este oitavo congreso asistirán hispanistas de Canadá, EEUU, México, Arxentina, Chile, Brasil, China, Xapón, India, Irán, Corea, Suecia, Alemania, UK, Italia, Francia, Bulgaria e Senegal.
Na actualidade, a asociación está presidida polo catedrático da Universidade de Cambrigde, Anthony Close. Son vicepresidentas as profesoras Melchora Romanos, do Instituo Amado Alonso da Universidade de Bos Aires, e Lía Schwartz, do CUNY de Nova York. Os restantes membros da xunta directiva actual reflicten a súa variada configuración.
As liñas de investigación da Universidade de Santiago de Compostela son internacionalmente recoñecidas nos estudos sobre o Século de Ouro. Neste campo, conta con dous importantes grupos dedicados ao estudo da obra literaria de Calderón e Quevedo, ademais doutros investigadores nomeados en diversos autores desa época.