Ir o contido principal

Comeza en Medicina a segunda xuntanza da Rede Nacional de Bioestatística

A Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet) celebrará a súa segunda xuntanza este venres 25 e o sábado 26 na Facultade de Medicina da USC. A inauguración do encontro presidirao o reitor Juan Casares este venres 25 nun acto a partir das 9.45 horas na Aula Castelao do centro compostelán. Biostatnet é unha rede constituída en 2010 e avalada cientificamente polo Ministerio de Economía e Competitividade que integran 185 investigadores pertencentes a 25 universidades españolas, 22 institucións biomédicas e 20 universidades estranxeiras. Está estruturada en oito nodos, correspondentes a Castela-A Mancha, dous en Cataluña, Galicia, Granada, Madrid, País Vasco e Valencia. No caso da comunidade galega, a investigadora responsable é a catedrática de Estatística Carmen Cadarso Suárez. A rede, englobada no entorno do Campus de Excelencia Internacional da USC, é un proxecto liderado polo grupo interdisciplinar GRID[ECMB] que dirixe a profesora Cadarso. Entre os seus obxectivos, Biostatnet busca coordinar a investigación e a docencia da bioestatística en España impulsando a súa proxección exterior, así como promover a investigación de excelencia e formación en bioestatística e favorecer a súa transferencia e aplicabilidade en biomedicina. Ademais, a rede procura proporcionar un marco común para a formación integral de futuros bioestatísticos e potenciar a novos investigadores. No acto inaugural deste venres, xunto ao reitor participarán ademais o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; o director do Departamento de Estatística e Investigación, César Sánchez Sellero; o director de Xestión e Valorización de Investigación da USC e coordinador do Plan Estratéxico de Campus Vida, Rogelio Conde-Pumpido; e a profesora Carmen Cadarso Fernández.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2013.