Comeza este mércores en Lugo o oitavo Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC
Compañías de danza de España e América participan este ano na oitava edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea que este mércores 28 chega ao Campus de Lugo cunha actuación ás 20:30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial.
Neste encontro participan a Compañía Hincapié da Universidade de Porto Rico, a Aula de Danza da Universidade da Coruña, o Taller de Danza da Universidade Europea de Madrid e as tres compañías da USC, a Compañía do Espazo de Danza Universitario, Cisma e Tinta’n-Pé, estas dúas últimas con carácter independente pero xurdidas no seo da USC. Tamén colaboran no evento o Taller de Malabares do campus lugués e o Conservatorio Profesional de Danza da cidade.
O programaAs actividades do Encontro Internacional de Danza no Campus de Lugo comezan este mércores 28 ás 20:30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial coa actuación das compañías das Universidades de Porto Rico, A Coruña e Santiago de Compostela, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e os estudantes do Taller de Malabares da USC, que dirixe Celso Pereira.
O xoves 29 ás 13:30 horas, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, terá lugar (agás en caso de choiva) unha ‘invasión de danza’ a cargo de todas as Universidades participantes na rúa Bispo Aguirre. Ás 20:30 horas darase lectura ao manifesto do Día Internacional da Danza no Museo Provincial, onde a continuación os grupos das Universidades de Porto Rico, Europea de Madrid, Santiago, Cisma-USC e os estudantes do Taller de Malabares amosarán as súas producións.
Actividades complementariasAdemais das actuacións a cargo das compañías, esta edición do Encontro de Danza inclúe actividades complementarias, como son tres talleres de danza contemporánea, ioga e malabares.
Eduardo Castro, ex bailarín da Compañía Nacional de Danza, dirixirá o de danza contemporánea, no que os universitarios poderán explorar pautas de creación que serán as portas cara ao seu propio movemento. O taller de ioga, no que todos os interesados poderán practicar esta disciplina, estará a cargo de Rosa Acuña, e Celso Pereira será o encargado de achegar os malabares a través dos xogos de destreza e habilidade con mazas ou bolas de cristal.