Ir o contido principal

Comeza o período para solicitar praza no Servizo Universitario de Residencias da USC

Fachada do Colexio Maior Fonseca
Fachada do Colexio Maior Fonseca
Abrirá o próximo martes 2 de maio

O próximo martes 2 de maio abrirá o prazo para solicitar praza no Servizo Universitario de Residencias da USC (SUR), período que se estenderá ata o 30 de xuño. O SUR ofertará para o próximo curso 2017-2018 un total de 1.071 prazas de aloxamento. Do total, 945 estarán reservadas para estudantes de grao, outras 48 para alumnado de másteres universitarios, 41 para os/as de doutoramento a tempo completo e investigadores en formación e outras 27 para membros da comunidade universitaria con necesidades educativas específicas derivadas dunha condición de discapacidade. Restarían cinco para estudantes de cursos de títulos propios e outras tantas para persoal docente e investigador e de administración e servizos.

As cotas, para todo o curso académico, oscilan entre os 405 euros e os 2.574 euros en función do tipo de habitación e do nivel de Renda Persoal Dispoñible de cada solicitante. As solicitudes deberán cumprimentarse no formulario accesible por vía telemática que figura na web http://www.usc.es/gl/servizos/sur/convocatorias.html, páxina onde se publicarán todas as listas e relacións relativas a esta convocatoria, ademais de no taboleiro de anuncios electrónico da USC.

Unha vez procesadas as solicitudes, o 18 de xullo publicaranse as listas provisionais de solicitantes que teñan presentada completa a documentación requirida. As persoas interesadas disporán ata o 26 de xullo para entregar no Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado (Pavillón Estudantil, Campus Vida) ou por calquera dos procedementos recollidos na normativa de procedemento administrativo a documentación requirida ou que estimen oportuna para completar as solicitudes. Finalmente, o día 31 de xullo publicaranse as listas definitivas de admitidas/admitidos en cada centro, a lista de agarda e a relación de excluídos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.04.2017.