Ir o contido principal

Comeza a preinscrición do programa de conciliación familiar e laboral Verán CampUSC

De esquerda a dereita Marta Lois, Dolores Álvarez e Óscar Hermida
De esquerda a dereita Marta Lois, Dolores Álvarez e Óscar Hermida
Actividades deportivas, culturais, socioeducativas e de lecer para rapaces de 3 a 13 anos orientado a favorecer a conciliación familiar e laboral das familias

Actividades deportivas, culturais, socioeducativas e de lecer especialmente deseñadas para rapaces e rapazas de 3 a 13 anos conforman a oferta de Verán CampUSC 2017, programa da USC que por segundo ano conta coa colaboración do Concello de Santiago, orientado a favorecer a conciliación familiar e laboral das familias durante o verán. En total ofértanse cinco posibles quendas entre finais de xuño, durante o mes de xullo e para a primeira semana de setembro con 100 prazas en cada unha delas, 70 reservadas á comunidade universitaria e persoal da Fundación USC Deportiva e as 30 restantes para público xeral. Esta é unha actividade que organiza a Fundación USC Deportiva coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero e do Servizo de Deportes da USC.

Ao longo destes cinco períodos amosaráselles aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes atendendo ás particularidades das súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. Os promotores de Verán CampUSC sosteñen que a práctica de actividades físico-deportivas resulta beneficiosa, non só no plano da saúde, senón tamén como vía para “ inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que, sen dúbida, resultarán de utilidade para a vida cotiá”.

Entre outras, os rapaces e rapazas realizarán deportes de raqueta e de loita, psicomotricidade, deportes colectivos, sendeirismo, acrosport, xogos predeportivos e populares, entre outros. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros con diversas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables ou papiroflexia), cancións, xogos cooperativos, actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade e da súa contorna.

O programa desenvolverase de luns a venres, en horario de 8.45 a 14.45 horas con cinco posibles quendas: do 26 ao 30 de xuño; en xullo, do 3 ao 14, do 17 ao 21 e do 24 ao 31; e en setembro entre os días 1 e 8. O programa levarase a cabo nas instalacións deportivas da USC e noutras acordadas segundo as actividades planificadas. Nesta edición, está programada unha vez por quenda unha viaxe ao Aquapark de Cerceda cuxa data concreta de saída será publicada a semana anterior.

Preinscrición
Dende o 26 de abril ao 10 de maio estará aberto o período de preinscrición para todo tipo de solicitantes, trámite que se completará cubrindo o cuestionario establecido a tal efecto na páxina web da fundación (www.fundacionuscdeportiva.org). O día 12 de maio, como data límite, publicaranse as listas de persoas admitidas en cada quenda.

Inscrición
Quen resulte admitido no período de preinscrición poderá formalizar a súa praza efectuando o pagamento dende o momento da publicacións das listas ata o 23 de maio. No caso de que o número de preinscricións reservadas á comunidade universitaria nalgunha das quendas fose inferior a 70 ou inferior a 30 no caso o público xeral, quedará aberta aberto tamén o prazo de inscrición para quen non teña feita preinscrición ata cubrir as prazas vacantes. O 24 de maio comunicarase pola web as quendas con prazas dispoñibles, momento a partir do cal se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. As persoas inicialmente admitidas no período de preinscrición que non formalicen o pagamento antes do 23 de maio perderán a súa reserva e só poderán inscribirse no que caso de que haxa prazas libres.

Os detalles da programación de Verán CampUSC 2017 presentáronos en rolda de prensa a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez; a concelleira de Igualdade, Marta Lois González; e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida Otero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2017.