Ir o contido principal

Comeza a primavera, con días máis longos ata xuño

Comeza a primavera, con días máis longos ata xuño
Comeza a primavera, con días máis longos ata xuño

A primavera dá comezo no hemisferio norte ás 23.45 deste venres 20, unha xornada na que o día e a noite terán a mesma duración e a partir da que os días irán medrando ata chegar ás 15 horas de duración no solsticio de xuño. Así mesmo, este venres o Sol sairá exactamente polo leste e porase polo oeste, pero a medida que avance a estación primaveral tanto o albor como o solpor terán lugar cada vez máis cara ao norte. O inicio da nova estación, que se prolongará ata as 18. 37 minutos do 21 de xuño, vén marcado polo paso do sol polo punto Aries –ou Equinoccio de marzo–, un dos puntos de corte da órbita terrestre (a Eclíptica) co Ecuador Celeste. Inverno seco A pesares de contar con días anubrados dabondo, o inverno que remata non foi tan chuvioso como os anteriores, segundo sinalan dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Os 394,4 litros/m2 medidos na súa estación meteorolóxica están lonxe dos 732 de 2013 e moito máis dos 1.203 do ano pasado. En total foron 52 días de choiva, correspondéndolle ao 15 de xaneiro a maior cantidade, 40,6 l/m2. Por outra banda, a temperatura máxima tivo lugar o 7 de marzo con 23º2 e a mínima de -0º4 foi o 31 de decembro pasado. Eclipse lunar en setembro Logo da eclipse solar deste venres haberá outra de lúa o 4 de abril, pero non será visible na Península. Haberá que agardar ata o 28 de setembro para entón si poder contemplar unha eclipse lunar total desde España. En canto á observación a simple vista dos planetas nesta primavera, Mercurio estará visible cara ao oeste logo do solpor desde mediados de abril e no amencer en xuño. Venus e Marte tamén aparecerán cara ao oeste na noitiña. Pola súa banda, Xúpiter poderá verse durante case toda a noite e Saturno sairá a medianoite nas vindeiras semanas. Así mesmo, haberá ocasión de ver dúas conxuncións da Lúa con Saturno os días 5 de maio e 6 de xuño logo do solpor. O Observatorio da USC informa ademais de que as clásicas choivas de estrelas desta época –as Líridas (22 abril) e as Eta-Acuáridas (6 maio)– aínda se pode ver este mes con prismáticos ou telescopios e o cometa C/2014 Q2 Lovejoy na constelación de Casiopea. Festa da Ascensión Como curiosidade, o director do Observatorio, José Ángel Docobo, apunta que se este ano o domingo de Pascua cadra o 5 de abril é porque a primeira lúa chea da primavera vai ter lugar o 4 dese mes (a data fíxase como o domingo inmediato a este fenómeno). Xa que logo, xusto 39 días despois dese 5 de abril tera lugar a festa da Ascensión en Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2015.