Ir o contido principal

Comeza en Santiago o Congreso Internacional de Economistas da Educación 2010

A economía en Educación Secundaria e Formación Profesional e na Universidade son os dous eixos temáticos arredor dos que xirarán os debates do Congreso Internacional de Economistas da Educación 2010, que se vai celebrar en Santiago entre os días 8 e 10. O reitor Juan Casares asiste este mércores 8 ás 9:00 horas á inauguración do encontro que coordina o catedrático Luis Caramés e que se celebrará no Hotel A Quinta da Auga (Vidán, Santiago). Nesta sesión tamén está prevista a participación do Conselleiro de Educación Jesús Vázquez e do presidente do Consello Xeral de Colexios de Economistas de España, Valentí Pich. O programa do congreso diríxese a profesores de secundaria, formación profesional e universidade das materias de Economía e Economía da Empresa, así como de todas aquelas áreas relacionadas co ámbito empresarial. A primeira das conferencias deste encontro, a partir das 9:30 horas, corresponderalle á conselleira da Comisión Nacional do Mercado de Valores e docente da Universidade de Oviedo, Ana Isabel Fernández Álvarez, para falar sobre ‘O plan de educación financeira’. Deseguido e completando a xornada matinal celebraranse dúas mesas nas que se analiza a economía no Bacharelato e o estudo introdutorio desta disciplina. A xornada reanudarase pola tarde, a partir das 17:00 horas, nunha sesión que profunda na relación entre a ensinanza da economía no Bacharelato e na Universidade, dando así paso á celebración dunha mesa redonda que servirá de aproximación á problemática dos profesores de Economía en Secundaria e Formación Profesional. O programa de intervencións do xoves 9 estará centrado no ensino da economía no ámbito universitario atendendo a cuestións como a influencia do proceso de Bolonia, o ensino da disciplina en América, adecuación dos estudos á realidade empresarial e a problemática dos profesores universitarios. O venres 10 reservarase para a realización dun treito do Camiño de Santiago ao que lle seguirá unha xornada de clausura á que está prevista a asistencia da conselleira de Facenda, Marta Fernández.

Este congreso está impulsado pola Organización de Economistas da Educación (OEE), órgano especializado do Consello Xeral de Colexio de Economistas de España, constituído en 1997 para impulsar a actividade profesional dos economistas no campo educativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2010.