Ir o contido principal

Comeza en Santiago o I Curso sobre agrarismo desde a Restauración española á Guerra Civil

É a primeira vez que en España se analizan conxuntamente cada unha das particularidades rexionais do agrarismo

A Universidade de Santiago e as Fundacións Luís Tilve e Pablo Iglesias organizan desde este mércores e ata o sábado 4 de xullo o I Curso sobre Agrarismo ‘Entre a revolución e a reforma: cuestión agraria e asociacionismo rural, 1874-1939’, sendo a primeira vez que en España se analiza esta cuestión atendendo a cada unha das particularidades rexionais. Trátase da primeira actividade organizada conxuntamente coa USC logo de asinarse hai pouco un convenio de colaboración coa Fundación.
O curso, a celebrar no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, ten a súa orixe no proxecto de investigación ‘Diccionario biográfico del socialismo español’ dirixido polo responsable do arquivo e biblioteca da Fundación Pablo Iglesias, Aurelio Martín Nájera, que tenta profundar nas distintas vertentes da historia do movemento obreiro xunto a un equipo de investigadores universitarios de toda España.
Os investigadores máis prestixiosos na materia chegados de Universidades de toda España achegarán, nunha comunidade como a galega na que o agrarismo ten un fondo calado na historiografía, as novas investigacións e publicacións no eido da historia agraria. Por iso o curso, convalidable por un crédito de libre configuración, diríxese fundamentalmente a estudantes das áreas de Historia, Humanidades, Educación e Empresariais, arquiveiros, investigadores, economistas e xuristas.
Ampla temáticaO curso inaugurarase este mércores, 1 de xullo, ás 9:15 horas nun acto no que participan o profesor da USC Miguel Cabo; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente de Unións Agrarias, Roberto García; Aurelio Martín Nájera en representación da Fundación Pablo Iglesias; e Rosa Arcos por UGT.
Nesa primeira sesión farase un repaso ás distintas variables rexionais no movemento agrario en España. As restantes xornadas dedicaranse a analizar polo miúdo o factor ideolóxico e político no campo español que influíu de maneira determinante na mobilización agraria así como a situación da muller no agro, as circunstancias económicas que rodearon aos movementos agraristas e a influencia exercida por institucións como a igrexa, entre outras cuestións. Ao remate de cada un dos bloques temáticos celebraranse mesas redondas nas que poderán intervir os asistentes ao curso.
Na última xornada, a do sábado 4 de xullo, realizarase unha visitara guiada ao Museo do Pobo Galego onde se proxectará o audiovisual O carro e o home rodado en Galicia en 1940.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2009.