Comeza en Santiago o XIV Festival Internacional de Teatro Universitario da USC
Dez compañías teatrais universitarias de España, Bélxica, Brasil e Estados Unidos participan esta semana en Santiago na décimo cuarta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC, un dos festivais de referencia no conxunto de España. Do 1 ao 6 de abril serán dez as pezas teatrais que se porán en escena no Teatro Principal e na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño (Auditorio Universitario, no Campus Sur), e excepcionalmente o día 6 no Auditorio de Galicia, todas elas con entrada gratuíta previo paso polo despacho de billetes.
Os detalles do certame presentáronos en rolda de prensa o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o director da Área de Cultura da Vicerreitoría, Pablo Sampedro; e o responsable da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, que salientaron a súa vocación cultural e de encontro con outras visións do feito escénico.
O da USC, que se celebra paralelamente estes días no Campus de Lugo, é o festival de teatro universitario que máis anos leva consolidado de todo o panorama universitario español.
Inaugura ‘As raíñas’A Aula de Teatro da USC será quen inaugure o festival este martes, día 1, coa representación, ás 19:30 horas na sala Roberto Vidal Bolaño, da peza ‘As raíñas’ de Werner Schwab, no que é unha adaptación literaria do seu texto As presidentas. Tres mulleres que comparten o mesmo espazo, a casa de Modesta, falan e discuten entre elas sobre a vida, para pór en cuestión a súa sociedade. O texto de Schwab, cuxa representación repetirase o martes 2, xoga coa linguaxe, co valor soez da palabra e coa propia violencia para rir do home. A proposta da USC trata de acomodar esta historia á realidade galega, “onde o paso da ditadura franquista á democracia ás veces semella un proceso máis institucional que social”.
O programaTamén o martes 1, pero ás 21:30 horas no Teatro Principal, o grupo de teatro Assaig da Universidade de Valencia porá en escena ‘Per Sant Lluc’, dramaturxia de Josep Lluís Sirera a partir de textos de Juan del Enzina, Bartolomé de Torres Naharro, Lope de Rueda, Lorenzo Palmireno, Gómez Manrique e outros. Este espectáculo formúlase como unha visión crítica da vida teatral valenciana da primeira metade do XVI.
‘Lesao cerebral’ é a peza que, baseada en contos de Donald Barthelme, representará a compañía da Escola de Arte Dramática da Universidade brasileira de Sao Paulo o 2 de abril ás 21:30 horas no Teatro Principal.
Xa os días 3 e 4, ás 19:30 na sala Roberto Vidal Bolaño, o grupo de teatro Dallas, de Estados Unidos, mostrará a súa obra ‘Pizcas’ de Margarito Rodríguez, un monólogo que trata as terribles condicións de traballo dos mexicanos entre os anos 40 e finais dos 60.
‘Si tu m’aimes...’ é o título da peza que o grupo de teatro universitario belga Royal de Liège porá en escena o 3 de abril ás 21:30 horas. Trátase dunha adaptación persoal en francés de O home morto, de Hans Sachs, unha interpretación do carnaval que se representa en Alemaña dende o século XIV.
Os intrincados labirintos das rupturas amorosas centran a obra ‘No es tan fácil’, de Paco Mir, que a Aula de Teatro da Universidade de Huelva representará o 4 de abril ás 21:30 horas no Teatro Principal.
Pola súa banda, os días 5 e 6, ás 19:30 horas na sala teatral do Campus Sur, a compañía Inflamável do Departamento de Artes Cenicas da Universidade de Sao Paulo presentará ‘Com os bolsos cheios de pao’, de Matei Visniec, no que dous bufóns fan un exercicio de cinismo levado ata a última consecuencia.
Da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla chega o día 5 o grupo La Escalera Teatro, que representará ás 21:30 horas no Teatro Principal ‘Las relaciones de Clara’, de Dea Loher. Trátase dun texto contemporáneo que sirve de exercicio para desentrañar o xeito no que un se entrega ao “outro” nunha sociedade agresiva e trepidante como a de hoxe.
O Auditorio de Galicia será quen acolla o día 6 ás 17:30 horas a representación de ‘O público’, de Federico García Lorca’, por parte da Compañía de Teatro do Campus de Lugo da USC, unha obra na que se mostran as diferentes máscaras que vai adquirindo o ser humano para chegar a un mesmo. O festival chegará ao seu fin ese mesmo día, ás 21:30 horas no Teatro Principal, con ‘No hay burlas con el amor’, de Calderón de la Barca’, de man da Escola Superior de Arte Dramática de Murcia.