Comeza en Sarria un curso de verán da USC sobre o Camiño de Santiago como vía de comunicación e fonte de saúde

O Camiño de Santiago e o seu valor como vía de comunicación e fonte de saúde serán os temas centrais dun dos cursos que organiza a USC dentro da oferta Universidade de Verán 2012. A actividade está dirixida polo profesor na Facultade de Xornalismo e director do Gabinete de Comunicación da USC, Lois Celeiro Álvarez, e desenvólvese entre os días 23 e 28 na localidade lucense de Sarria. O responsable da secretaría é Xoán Xosé Piñeiro Cochón, profesor de Comunicación Audiovisual da USC. O acto inaugural terá lugar ás 16.30 horas na Casa do Concello da vila, e nel intervirán o alcalde da localidade, José Antonio García; o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz Gestoso; o presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, José Carro Otero; o presidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, Cristovo Ramírez; e os organizadores do curso. Segundo Lois Celeiro, “o obxectivo do curso é facilitar unha visión da ruta xacobea como un espazo que contribúe á comunicación entre persoas e pobos como un alicerce para a vida sa e saudable, tanto das xentes que viven nos contornos do Camiño como dos camiñantes que percorren esta ruta milenaria. Tamén se queren dar a coñecer os costumes, atencións e coidados precisos para unha vida saudable e debater sobre a importancia do Camiño na educación para a saúde, desde a perspectiva de que a ruta xacobea constitúe a primeira rede asistencial coñecida en Europa”. Calendario de relatorios e visitas A actividade comeza o propio día 23 co primeiro dos relatorios do curso, que leva por título ‘ A rede asistencial no Camiño de Santiago: na procura dunha saúde integral’, e corre a cargo de Francisco Singul Lorenzo, técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. O profesor da Facultade de Medicina da USC e presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, José Carro Otero, intervirá para falar do Hospital Real de Santiago, e o sociólogo Manuel Vázquez Teijeiro será o encargado de presentar os relatores e moderar os debates. O martes 24 o curso trasládase a Pedrafita do Cebreiro, onde a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC María Muñoz Cadavid impartirá un relatorio sobre o Camiño de Santiago como referente de saúde no ámbito educativo. O psiquiatra Cipriano Luís Jiménez Casas, director Xeral da Fundación Menela, intervirá a continuación coa conferencia ‘O Camiño de Santiago e o benestar bio-psico-social’. Unha mesa redonda reunirá representantes dos medios de comunicación baixo o título ‘Xornalismo e literatura, dous complementos para unha vida con saúde’. A xornada remata cunha visita ao poboado do Cebreiro. O xoves 26 o curso volve a Sarria, onde a farmacéutica Paula Sánchez López intervirá para falar sobre o papel que desenvolven actualmente as farmacias no Camiño de Santiago. O tamén farmacéutico Miguel Álvarez Soaje dedicará o seu relatorio ás hortas medicinais e as farmacias monásticas. Desde o ámbito farmacéutico provén tamén a seguinte intervención: ‘Asistencia Farmacolóxica no Camiño de Santiago’, a cargo de Santiago Sanmartín Míguez. Finalmente, a especialista en nutrición do CHUS Rosaura Leis Trabazo achegará un traballo sobre a relación entre dieta atlántica e saúde, mentres que o catedrático de Dereito Administrativo da USC Enrique Gómez-Reino presentará un relatorio sobre lexislación sanitaria. O venres 27 a actividade trasládase ao mosteiro de Samos, onde o experto en temas xacobeos Segundo Vázquez Portomeñe falará sobre cuestións relativas á saúde recollidas no Códice calixtino. A prevención de lesións para os camiñantes será o tema do relatorio do médico especialista en Saúde Preventiva Luís Matos Espiño, mentres que o cirurxián cardíaco e profesor da USC Ángel Fernández González disertará sobre os beneficios e riscos para a saúde do Camiño de Santiago. A última intervención do día será a do prior do mosteiro de Samos, Xosé Luís Vélez Álvarez, quen falará do mosteiro que dirixe como reflexo dun tempo e dunha cultura. A xornada rematará cunha camiñada polo Camiño de Santiago por Filloval, Pasantes e Ramil, ata Triacastela. O sábado 28, de novo en Sarria, intervirá José María Núñez Pérez, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago do Cebreiro, co relatorio ‘O deporte e o traballo con saúde’. A continuación a doutora Milagros Núñez Pérez falará sobre o labor dos médicos rurais no Camiño de Santiago, mentres que o pediatra Manuel Pumarega Vergara incidirá na importancia de comezar os coidados da saúde xa na infancia. O derradeiro relatorio do curso virá da man do médico Gonzalo Durán Hermida, e leva por nome ‘O Camiño de Santiago e a xestión sanitaria’.