Comeza a Semana do Acceso Aberto

A oitava edición da Semana do Acceso Aberto celébrase ata o próximo domingo 25 baixo o lema ‘ Aberto para colaboración’. Esta é unha iniciativa internacional na que tamén participa a USC e que pon a atención nas diferentes formas de colaboración entre investigadores e académicos que comparten libremente recursos e resultados de investigación, así como entre os diferentes axentes implicados no proceso de comunicación científica (investigadores, editores, organismos financiadores) para lograr que o acceso aberto termine por converterse en práctica habitual na difusión do coñecementos.
Esta Semana de fomento do open access celébrase dende 2008 promovida pola Scholarly Publisinhg and Academic Resources Coalition (SPARC) co fin de promocionar e difundir políticas en favor deste movemento. O acceso aberto promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica en Internet como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento. A materialización desta proposta realízase a través da publicación en revistas de acceso aberto ou mediante o autoarquivo dos traballos en repositorios institucionais ou temáticas. Neste sentido, a USC ofrece á súa comunicación científica o repositorio institucional Minerva como unha ferramenta para favorecer a maior difusión, accesibilidade, visibilidade e impacto das publicacións resultantes da actividade investigadora ou docente.
Minerva facilita igualmente o cumprimento da lexislación vixente así como os requirimentos de entidades financiadoras de investigación que obrigan ao depósito en aberto dos traballos realizados con cargo a fondos públicos así como das teses doutorais. Na actualidade, Minerva conta con máis de 12.400 documentos depositados.
Co obxecto de contribuír a unha mellor comprensión do funcionamento e beneficios do acceso aberto, un grupo de traballo de Rebiun coordinado pola Biblioteca Universitaria da USC realizou unha seria de infografías explicando conceptos básicos de interese para a comunidade universitaria como as versións dos artigos científicos para a súa difusión por open access; como cumprir cos mandatos de acceso aberto; conservación dos dereitos de autor fronte ás editoriais; e beneficios de publicar nos repositorios institucionais.