Ir o contido principal

Comeza o verán

O verán dará comezo no hemisferio norte na madrugada deste venres ao sábado ás 01:59 horas, prolongándose ata as 17:44 horas do 22 de setembro. Serán máis de 93 días, o que, segundo informa o director do Observatorio Astronómico da USC ‘Ramón María Aller’, José Ángel Docobo, a fai a estación máis longa do ano.
O comezo das estacións vén definido polo paso do Sol por catro puntos concretos da Eclíptica, os equinoccios (en marzo e setembro) e os solsticios (en xuño e decembro). Esta noite o Sol pasará polo Punto Cáncer ao Solsticio de xuño, acadando nese intre a súa máxima declinación (elevación con respecto ao Ecuador). Como consecuencia diso, a duración do día será a máxima do ano -15 horas aproximadamente- e, tamén este sábado, ao mediodía o Sol terá a máxima altura posible con respecto ao horizonte.
Fenómenos astronómicosEn canto aos fenómenos astronómicos mais salientables, na nova estación destaca a eclipse parcial de Lúa do 16 de agosto, visible na Península, así como a total de Sol do 1 de agosto, que poderá verse como parcial en case toda Europa, excepto España e Portugal. A franxa de totalidade pasará por Siberia, Mongolia e China.
Ademais, na noite do 12 ao 13 de agosto terá lugar a familiar choiva de estrelas das Perseidas.
No que respecta á visibilidade dos planetas, en xullo poderase contemplar a Xúpiter case toda a noite, a Mercurio no crepúsculo matutino e a Venus no vespertino. Pola súa banda, Marte e Saturno a primeiras horas da noite estarán cara ao Oeste. Os solpores de agosto e setembro serán apropiados para observar todos estes planetas coa excepción de Saturno, matiza Docobo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2008.