Ir o contido principal

Comeza o VIII Congreso (Inter)nacional de Psicoloxía Xurídica e Forense

Reúne en Santiago os especialistas mundiais máis recoñecidos na especialidade

O VIII Congreso (Inter)nacional de Psicoloxía Xurídica e Forense reunirá entre este xoves 23 e o sábado en Santiago os especialistas de orde internacional máis recoñecidos neste ámbito. O encontro está organizado, entre outros, pola Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense e pola Unidade de Psicoloxía Forense da USC que dirixe o catedrático de Psicoloxía Xurídica e Forense Ramón Arce. A inauguración oficial será este xoves ás 11.30 horas nun acto que preside o reitor Juan Viaño e no que participan, ademais de Ramón Arce, a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada; a concelleira de Servizos Sociais de Santiago, Mª José Corral López; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez Campos; e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas. A continuación intervirá a profesora de Criminoloxía da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) e fundadora do Centro de Atención ás Vítimas de Latinoamérica, Hilda Marchiori, co relatorio ‘Vitimoloxía: impunidade, consecuencias do delito e o silencio da vitimización’. A xornada da tarde iniciarase cunha conferencia ás 16.00 horas do catedrático de Psicoloxía Soacial da USC Jorge Sobral titulada ‘Notas para unha crimonoloxía do criminal: querer, poder, decidir’. Plena actualidade Entre as cuestións a tratar nos tres días do encontro figuran asuntos tan relevantes como o trastorno mental transitorio e a imputabilidade penal, a prevención da reincidencia, a intervención no medio penitenciario, a psicoloxía da testemuña, o bo trato aos menores, a protección e reforma dos menores en risco, a aplicación da xustiza terapéutica aos procesos de ruptura de parella ou a avaliación psicolóxica de custodias. O programa científico inclúe ademais mesas de expertos, comunicacións libres e sesión aplicadas sobre os avances máis recentes, que estarán estruturados en torno a seis eixes fundamentais: Psicoloxía Xurídica do Menor, da Familia, Penitenciaria, Vitimoloxía, Dereito Penal e Dereito Civil. Se ben os eixes coinciden en todas estas citas congresuais, quizais sexa o referido á familia o que máis interese suscita “por ser un tema preocupante de sempre e ao que a sociedade non lle presta a atención que merece, sobre todo no trato á infancia”, matiza Arce. O congreso conta coa participación de notables especialistas na materia como o responsable do Proxecto de Revisión da Clasificación dos Trastornos Mentais e do Comportamento na CIE-0, do Departamento de Saúde Mental e Abuso de Substancias da OMS, Geoffrey Reed; José Miguel Castillo, portavoz da Comisión de Xustiza no Congreso dos Deputados; a directora da Oficina da Representante Especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas sobre Violencia contra Nenas e Nenos, Elda Moreno; ou o director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Ministerio, Ricardo Gonzalo Conde Díez. O evento acollerá tamén, como é habitual, a Asemblea da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense e a entrega de premios a investigadores noveis e do Premio Pedro Mata en recoñecemento á consolidación e achegas á Psicoloxía Xurídica e Forense.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2014.