Comeza de xeito virtual o Congreso Edutec 'As TIC: Ponte entre culturas, Ibeoroamérica e Europa'
Para falar da importancia das TIC no eido educativo, o Congreso Edutec ‘As TIC: Ponte entre culturas, Iberoamérica e Europa’ comeza este luns, día 1, cun espazo virtual no que as persoas inscritas participarán a través da rede en foros sobre o vídeo dixital na educación, a utilidade dos dispositivos móbiles, a multiculturalidade nos medios de comunicación ou os contornos tecnolóxicos na atención á diversidade. Con estas sesións facilitarase o intercambio de ideas na distancia ao mesmo tempo que se retransmiten as conferencias presenciais que se desenvolverán do mércores 3 ao venres 5.
Outras cuestións a tratar no encontro en liña serán os modelos didácticos nos campus virtuais, os desafíos institucionais na integración das TIC, a formación dos profesores para o seu uso, os novos proxectos sobre redes temáticas e docentes e a e-biblioteca como axente dinamizador da Alfabetización.
Xornadas presenciaisAs xornadas presenciais do Congreso Edutec inauguraranse o mércores 3 ás 11:00 horas no Colexio de Fonseca cun acto oficial presidido polo reitor da USC Senén Barro.
A Facultade de Ciencias da Educación, situada no Campus Sur, será sede destas tres xornadas que teñen como obxectivos xerais promover a difusión de todas as experiencias de investigación e mellora educativa apoiadas nas TIC. Esta dinámica servirá para orientar o deseño de novas propostas de uso dos medios en todos os ámbitos da formación e para reflexionar sobre como crear unha sociedade máis aberta e participativa.