Comeza o XV Festival Internacional de Teatro Universitario en Santiago
Convertido xa no máis antigo das súas características en Galicia e nun dos máis vellos do Estado, o Festival Internacional de Teatro Universitario da USC volve levantar o pano en Santiago a vindeira semana. Será no transcurso da súa décimo quinta edición que traerá á cidade sete compañías de España, Brasil, Rusia, Lituania e Porto Rico entre os días 23 e 27 de marzo.
Este luns 23, ás 19:00 horas na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, terá lugar a representación de '(des)esperando', baseado no texto de Beckett Esperando a Godot, a cargo de NÚCLEO 2 do Sujeitos de Cena da Universidade de Sao Paulo (Brasil).
Xa ás 21:30 horas no Teatro Principal a Aula de Teatro da USC porá en escena a obra 'Xogos á hora da sesta', de Roma Mahieu.
Ao longo dos cinco días de funcións, a entrada será gratuíta previo paso polo despacho de entradas.