Comeza o XVII Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo
Revisar os avances en materia de recoñecemento, avaliación e certificación de competencias profesionais é o obxectivo da XVII edición do Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo que comeza este mércores 18 en Santiago baixo a organización dos docentes da USC Antonio Rial Sánchez e Margarita Valcarce Fernández.
En 1997, o Centro Europeo para o Desenvolvemento da Formación Profesional encargou 15 estudos a institucións de investigación de 14 países (entre outros, España e Portugal) coa intención de levar a cabo un proxecto ÁGORA V sobre detección, avaliación e recoñecemento de competencias non formalizadas. Desa iniciativa emerxeron con forza ideas como as de definir a aprendizaxe non formal e a importancia do contexto social, a ruptura dos nosos patróns de pensamento no caso de adoitar un sistema baseado nas competencias e non na ensinanza formal e a importancia de crear unha ponte entre a formación inicial e a continua.
Insistiuse ademais na importancia de distinguir entre a titulación escolar e a certificación ou recoñecemento de competencias informais de cara á busca dunha avaliación e certificación gradual de competencias, imprescindible para calquera traballador ou traballadora que desexe exercer a súa actividade.
Transcorridos case 20 anos dende estas primeiras proxeccións, nun contexto integrador da oferta formativa profesional no que se pretendeu crear sistemas que permitiran dar resposta ás demandas de sistemas produtivos dinámicos e cambiantes, foise facendo realidade o recoñecemento, avaliación e certificación desas competencias a través de distintos modelos e prácticas, que esta semana, ata o venres 20, se tratará no congreso co organizado pola USC. A inauguración será ás 10.00 horas no salón de actos da EGAP.
Nesta importante cita científica avanzarase na identificacióndos retos da estratexia Europa 2020 en materia de empregabilidade e estudaranse os modelosconsolidados e as boas prácticas desenvolvidas na Universidade, Administración, empresa e entidades non gobernamentais sobre os procesos de avaliación e certificación da competencia profesional dende a Lei das Cualificacións profesionais e a formación profesional de 2002.