Ir o contido principal

Comezan catro cursos de verán en Santiago, Lugo e Muros

Os portos galegos para o desenvolvemento local, a enerxía solar, o modelo alimentario e gastronómico actual e a xustiza e igualdade social son os catro eixos temáticos dos cursos de verán que se inauguran o vindeiro luns, día 22, nas localidades de Muros, Santiago de Compostela e Lugo.
Portos galegos e desenvolvemento local'Os portos pequenos e medianos no novo escenario marítimo europeo: a súa contribución ao desenvolvemento das comunidades locais' é o título do curso de verán que se desenvolverá na Casa da Cultura do Concello de Muros a partir do vindeiro luns, día 22. A inauguración terá lugar ás 9:30 horas coa presenza do presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga; o alcalde de Muros, Domingos Dosil; e o profesor Manuel González López que dirixe o curso.
Os obxectivos do curso, que remata o venres 26, son divulgar e discutir o rol das áreas portuarias pequenas e medianas como elemento de dinamización socioeconómica das zonas costeiras. Ademais, búscase divulgar a estratexia europea ao respecto, favorecer unha xestión axeitada e preparar a profesionais para a investigación, deseño e execución de proxectos relacionados co eido portuario. O peche do curso será o venres 26, ás 13:00 horas, co relatorio do xefe do Porto de Honningsvaag (Noruega), Steinar Hansen, acerca dos usos turísticos como alternativa económica para estes emprazamentos.
Enerxía solarOs conceptos teóricos xerais sobre a enerxía solar xunto con talleres prácticos facilitaranse no curso de verán a celebrar no Salón de Actos da Facultade de Física da USC. Presentarán as xornadas a partir das 9:30 horas os seus directores, os docentes Ángeles López Agüera e Antonio García Loureiro.
Baixo o título ‘A enerxía solar na sociedade, na empresa e na investigación’, nas sesións académicas analizarase a situación actual fotovoltaica en Galicia, proxectos emblemáticos, desenvolvemento sostible, arquitectura bioclimática, sistemas térmicos ou a calidade solar obtida por vía metalúrxica, entre outros aspectos.
Modelo alimentarioCo título ‘Actualización e novas tendencias no modelo alimentario e gastronómico actual’ arrancará ás 10:00 este curso de 30 horas de duración, que se prolongará ata o día 27 e que está dirixido por Alberto Cepeda Sáez.
O acto de inauguración contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero e o director do curso. Serán un total de 65 alumnos, o máximo establecido, os que participarán nesta acción formativa, que se celebrará na Facultade de Veterinaria.
Este curso, que se celebra por primeira vez en Lugo, ten como principal obxectivo a promoción da dieta e a gastronomía atlántica. De feito contempla durante o mesmo actualizar, divulgar e demostrar que a nutrición levada a cabo correctamente e de forma regulada suplementada coa alimentación funcional e controlada permitirá á sociedade e aos seus membros manter no tempo un estado saudable, facendo especial fincapé nos problemas de sobrepeso, obesidade e doenzas metabólicas que xa dende a infancia se están orixinando como consecuencia do sedentarismo e os malos hábitos alimentarios. Abordaranse tamén aspectos relacionados coa cociña molecular e innovación gastronómica e a súa relación cos aspectos saudábeis.
Xustiza e igualdade social
Tamén o luns, pero ás 16:30 horas, comeza na sede do Colexio de Avogados de Lugo o curso ‘Xustiza e igualdade social: a protección procesual dos colectivos sociais máis desfavorecidos’, dirixido por Lotario Vilaboy Lois.
O acto de apertura do curso estará a cargo do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, que estará acompañado polo secretario xeral da Presidencia, Gumersindo Guinarte Cabada; o secretario xeral de Relacións Institucionais, Xosé Antón Pérez Lema; o subdelegado do Goberno, Jesús Otero; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente do Consello da Avogacía de Galicia; José Antonio López Graña; o decano do Colexio de Procuradores de Lugo, Jacobo Varela Puga, e o director do curso.
Neste seminario realizarase unha análise e debate, dende unha perspectiva plural e multidisciplinar, da protección que o sistema xurídico español ofrece na actualidade aos colectivos sociais máis desfavorecidos, en particular, aos menores, estranxeiros, vítimas da violencia de xénero, persoas con discapacidade e a quen carece de recursos económicos suficientes para defender os seus dereitos ante os tribunais de xustiza. En definitiva, ofrecerán unha visión xeral da situación española a través de mesas redondas onde se ofrezan diferentes perspectivas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.09.2008.