Ir o contido principal

Comezan en Ciencias da Educación as III Xornadas ‘Os recursos educativos en galego. Educación Secundaria’

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación organiza entre o venres 17 e o sábado 18 as III Xornadas ‘Os recursos educativos en galego. Educación Secundaria’. Nestas dúas sesións xerarase un espazo para o debate e a reflexión ao redor dos recursos educativos en lingua galega nos diferentes niveis do ensino, particularmente en secundaria. Con esta iniciativa preténdese que o estudantado tome conciencia da importancia dos recursos educativos na práctica docente así como coñecer de primeira man cales son os materiais didácticos en galego de que poderán dispoñer no seu futuro profesional. A partir desta orientación, as xornadas profundarán tamén na definición de estratexias e criterios para a busca e selección destes recursos, promovendo que os futuros profesionais creen os seus propios materiais adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia, ao tempo que se impulsa a difusión de experiencias educativas centradas neste ámbito. O programa comezará este venres 17 na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida a partir das 10:00 horas, nun acto que presidirá a secretaría Xeral da USC, Lourdes Noya. Seguiralle Miguel Vázquez Freire que pronunciará a conferencia inaugural titulada ‘Para alén do libro de texto. Unha reflexión sobre a creación de materiais didácticos en lingua galega’ para continuar o resto do día coa presentación de experiencias innovadores e o desenvolvemento de obradoiros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2010.