Ir o contido principal

Comezan en Dereito unhas xornadas que arroxan luz sobre a cláusula solo

Profesionais do Dereito e da xudicatura xunto con profesorado universitario reuniranse este xoves e o seguinte nas xornadas ‘A cláusula solo: transparencia, abusividade e recuperación de cantidades’, que terán lugar no Salón de Graos da Facultade compostelá de Dereito dirixidas pola profesora Marta Otero Crespo.

Este xoves 16 a partir das 16.45 horas Ricardo Pazos Castro, da USC, abrirá a quenda de intervencións falando das condicións xerais e cláusulas abusivas das cláusulas solo. Deseguido, o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC Antonio López referirase ás súas implicacións fiscais. Esta primeira xornada rematará coa celebración dunha mesa redonda que xuntará o notario Jaime Romero Costas; a maxistrada titular do xulgado do Mercantil 2 da Coruña, M. Salomé Martínez Bouzas; o avogado de entidade financeira, José Ignacio Canle Fernández; e o avogado Lisardo Núñez Pardo de Vera.

O programa da vindeira xornada, o día 23, inclúe unha análise do RDL en materia de cláusulas solo, da man da catedrática de Dereito Civil da USC Mª Paz García Rubio e unha mesa redonda co avogado Gaspar Otero Campos, o maxistrado do xulgado de Primeira instancia 3 de Vigo, Roberto de la Cruz Álvarez, e o avogado Jesús Garriga Domínguez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2017.