Comezan dous cursos de teatro e dous do Grupo de Creación Musical no Campus de Lugo
Esta semana darán comezo no Campus de Lugo dous cursos de teatro e dous de creación musical, organizados pola Vicerreitoría de Cultura dentro do programa cultural Espazo.
No apartado de teatro, comeza esta tarde, día 5, o taller de arte dramática 1, ‘O actor en escena’, que se prolongará ata o 19 de decembro a cargo de Tito Asorey, en horario de 20:00 a 23:00 horas. O relator pertence actualmente a Sarabela Teatro e a La Imagina Machina.
Este martes, día 6, comeza tamén o curso ‘Comedia da arte’, que se desenvolverá ata o 13 de decembro, de 11:00 a 14:00 horas. Estará a cargo de Fabiana Gastaldello. Estas accións formativas terán lugar na Aula de Danza e Teatro da Facultade de Veterinaria.
Esta semana darán comezo tamén os cursos do Grupo de Creación Musical. O de sección electrónica se inicia o martes, día 6, a cargo de Arturo Vaquero Taboada. Será todos os martes, de 19:00 a 21:00 horas. Coa duración dun curso académico tamén, dará comezo o xoves, día 8, o de sección vocal, que será todos os xoves, de 19:30 a 21:30 horas. Estará a cargo de Mónica Álvarez. Os dous cursos desenvolveranse na Aula de Música da Escola Universitaria do Profesorado.
No mes de xaneiro celebrarase un monográfico co título ‘Músicas para a escola: músicas contemporáneas e pedagoxía de creación musical’, orientado principalmente a mestres en activo, profesores de música en xeral e estudantes universitarios. A matrícula xa está aberta e hai cen prazas.