Comezan sete novos cursos de verán en Santiago, Ribadeo, Moaña, Muros e Foz
A Universidade de Verán da USC segue a súa andaina coa posta en marcha este luns, día 20, doutros sete cursos da súa programación, desta volta en Santiago, Ribadeo, Moaña, Muros e Foz.
OSREVOLUTION 09OSREVOLUTION 09 é a proposta estival da USC na que se fará un repaso á revolución no eido tecnolóxico propiciado pola implantación do Software Libre (SL). Do 20 ao 24 de xullo na Facultade de Xeografía e Historia, este curso introducirá aos participantes na filosofía, historia e nos modelos de traballo, tecnolóxico e económico do Software e da Cultura libre, facendo fincapé en exemplos de éxito reais. A inauguración oficial será ás 9:30 horas na Aula 10 do centro compostelán.
O programa deseñado permitirá ademais achegarse ao cambios que nos dez últimos anos foron revolucionando a industria da informática e a da súa relación cos usuarios destas tecnoloxías. As conferencias serán exposicións teóricas que abranguerán os diferentes aspectos e axentes implicados nesta evolución, sendo impartidas por recoñecidos referentes profesionais tanto da administración, como das empresas, as universidades ou as asociacións.
Estudos do medio ambienteExpertos en diferentes eidos abordarán o estado actual dos estudos medio ambientais en Galicia, ao longo das xornadas que integran o curso de verán ‘Galicia e o medio ambiente. Unha visión interdisciplinar’, e que se vai celebrar entre os días 20 e 23 de xullo. Será a partir das 9:20 horas na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago (r/ do Vilar, 19).
Cun enfoque multidisciplinar, o curso abranguerá dende a presentación do Proxecto de Educación Mediambiental ‘Climántica’ ata a análise do problema do cambio climático e a súa influencia na comunidade autónoma. Tamén se prestará atención á lexislación medioambiental actual e á xestión e solución da contaminación dos diversos compartimentos medio ambientais (solos, augas, atmosfera) así como á xestión e tratamento de residuos urbanos e industriais e ao uso de novas enerxías alternativas como os bioconmbustibles ou a enerxía eólica.
MoañaEn Moaña bota a andar o curso ‘A pesca do bacallau no século XX: historia, economía e traxectorias vitais’ co obxectivo de contribuír á divulgación da economía galega e do sector pesqueiro no período posterior á Guerra Civil.
A finalidade é axudar á divulgación dun período da historia económica e social de Galicia bastante descoñecidas. Así, tratarase de facer partícipes das diferentes sesións a moitos dos protagonistas vivos dos procesos investigados e ao conxunto da sociedade civil. A inauguración celebrarase a partir das 9:30 horas no Salón de Actos do IES As Barxas de Moaña.
RibadeoEn Ribadeo, as propostas estivais estarán relacionadas coas vantaxes da agroecoloxía e á introducción á técnica audiovisual para filmes de temática ambiental.
Así, ás 9:45 horas, no centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias, dará comezo o curso dirixido conxuntamente por Xan Neira, Anna Cervera e Rosa María Martínez, ‘Agroecoloxía e desenvolvemento rural sustentábel II’. Trátase dun curso teórico-práctico no que se afondará nos coñecementos técnicos e científicos sobre a agricultura ecolóxica para a mellora da calidade de vida da poboación en xeral.
Xa pola tarde, ás 17:15 horas, inaugurarase no mesmo centro o ‘Obradoiro agroecoloxía e cinema’, que terá como obxectivo, ao longo de 20 horas lectivas, achegar aos asistentes conceptos da teoría e da técnica cinematográfica aplicada a temáticas que xiran arredor da agroecoloxía e dos filmes antropolóxicos e da natureza.
Durante este curso, dirixido por Xan Neira, xunto cos profesores da Universidade de Paris X-Nanterre Fabienne Wateau e Baptiste Buob, analizaranse as características do guión cinematográfico, a selección de planos e a montaxe cinematográfica. O programa conta ademais con dúas proxeccións de filmes, os días 23 e 24 de xullo, no Auditorio de Ribadeo, tras as que haberá un debate cos autores.
MurosA Casa da Cultura de Muros é o lugar no que se vai celebrar o curso ‘Innovar en actividades tradicionais: innovación na pesca de baixura’, cuxo programa se inaugura o próximo luns 20 a partir das 10:00 horas. A súa finalidade é afondar no coñecemento dos procesos innovadores no sector da pesca de baixura en Galicia, como exemplo dun sector tradicional.
Ao longo deste seminario de 15 horas lectivas e dirixido por Manuel González López trataranse tamén as diferentes maneiras de sensibilizar aos principais axentes privados e públicos sobre esta temática.
FozÁs 11:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Foz, inaugurarase o curso de verán ‘Infancia e escola na Historia do Cine’, que terá como fin reflexionar sobre como foi reflectida a infancia e a escola no cinema durante a primeira metade do século XX.
Ao longo de 32 horas lectivas, analizarase o tratamento das imaxes dos nenos e nenas aprendendo en situacións moi diferentes ás do século XXI e como esas imaxes foron construíndo unha cultura da infancia nova entre os adultos.