Ir o contido principal

Comezan os tests de nivel do Centro de Linguas Modernas

Aberto a inscrición nos tests de nivel do CLM. Foto: Santi Alvite
Aberto a inscrición nos tests de nivel do CLM. Foto: Santi Alvite
As persoas interesadas en matricularse nun dos cursos ofertados sen ter previamente o nivel asignado polo CLM deben realizar unha proba clasificatoria que require inscrición

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC organiza ata 30 de setembro diversos tests de nivel para a clasificación do alumnado segundo o seu dominio das distintas linguas que se imparten no período 2022-2023. As persoas que desexen matricularse nalgún dos cursos ofertados polo Centro e que carezan de nivel asignado ao non ter aprobado un curso no CLM ou na EOI o ano anterior, deberán inscribirse para a realización dunha destas probas dende a web do CLM. Se teñen o nivel asignado dende hai dous anos, deben comunicalo no enderezo clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal) para poder formalizar a súa matrícula sen facer o test previamente.

Segundo o idioma, a realización do test poderá ser presencial ou telemática.  No caso de existir dúas ou máis datas para o test clasificatorio de nivel presencial dunha mesma lingua, recoméndase acudir ao primeiro porque as prazas nos cursos cubriranse por rigorosa orde de matrícula. As datas para a realización de cada proba así como as instrucións para a inscrición están dispoñibles na páxina web do CLM.

O test de nivel en liña pode facerse durante o período da matrícula segundo o acordo co profesorado. As persoas candidatas recibirán unha ligazón telemática do test por correo electrónico despois de realizar a inscrición e notificalo a través do correo electrónico indicado na plataforma. A inscrición no test clasificatorio de nivel presencial / en liña farase por Internet dende a secretaría virtual da USC á tamén se pode acceder dende a páxina web do CLM.

Cursos ofertados

No primeiro semestre, impartiranse no CLM do campus de Santiago cursos regulares anuais de inglés, cursos anuais semi-presenciais de inglés; cursos regulares semestrais de alemán, catalán, francés, galego para non galegofalantes, italiano e portugués; cursos específicos do primeiro semestre de preparación para os exames ‘Certificats B i C de Català’ do Institut Ramon Llull (IRL), así como inglés–curso semi-intensivo semestral A2, inglés–curso semi-intensivo semestral B2.1, inglés–curso semi-intensivo semestral B2, inglés–curso semi-intensivo semestral C1; e o seminario de checo para o contexto universitario (presencial / en liña).

No campus de Lugo, ofértanse cursos regulares semestrais de alemán, francés e inglés; así como cursos específicos do primeiro semestre en inglés–curso semi-intensivo semestral B2.1, inglés–curso semi-intensivo semestral C1.1, inglés ‘Speaking and listening skills’, e galego para non galegofalantes en liña.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2022.