Ir o contido principal

Comezan na USC os Concerterios, concertos didácticos aos que asisten máis de cincocentos escolares de educación primaria de Galicia

Os recitais corren a cargo do alumnado e profesorado de Educación Musical da USC

Os alumnos da diplomatura de Mestre en Educación Musical da USC poñen en marcha unha nova etapa dos Concerterios, concertos didácticos de fin de curso para escolares de centros de Educación Primaria de Galicia. Nesta tempada, máis de 500 nenos de nove centros galegos acompañados polos seus profesores asistirán aos recitais que terán lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus norte). Para os centros educativos as actuacións terán lugar o mércores ás 11:00 e o xoves 31 ás 10:30 horas. Xa para o público en xeral, con entrada libre, os Concerterios serán o xoves 31 ás 18:30 horas.
A presentación pública desta actividade tivo lugar en 2002 e dende entón desenvólvese o Concerto final de curso e máis recentemente, os Concerterios. Con eles trátase de pór en valor as aptitudes do alumnado do centro, que constitúe unha formación musical de instrumentistas, grupo vocal e corporal dos tres cursos da especialidade de Mestre especialista de Educación Musical da USC.
Os programas musicais elíxense a partir dunha selección de actividades desenvoltas nas materias específicas do plano de estudos. Nesta ocasión, os estudantes e profesores de Educación Musical tocarán pezas dos Beatles, éxitos do cinema e temas da música popular galega e brasileira, ademais dunha interpretación de percusión corporal.
Proxecto artístico e educativoConcerterios é un proxecto educativo, artístico e cultural que xurdiu dun grupo de profesores da Área de Didáctica da Expresión Musical da USC. O termo ‘Concerterio’, de recente creación e que dá nome aos concertos didácticos, fai referencia ao ‘concerto’ propiamente dito, como representación en vivo da música ante o público, e a ‘maxisterio’.
O director musical dos Concerterios é o profesor Martín Leránoz Iglesias que, conxuntamente coa profesora Cecilia Portela López, realiza as tarefas de coordinación interna e cos centros educativos. No curso 2004-2005 incorporouse ao proxecto o grupo formado no Taller de Danza Galega dirixido polo profesor colaborador Felipe Sar, e como novidade este ano faráo o grupo de Bailes de Salón que dirixe o profesor Xosé Puente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2007.