Ir o contido principal

Comezan as visitas a empresas para os participantes no curso cuadrimestral da Cátedra de Empresa Familiar

Os 35 alumnos coñecerán in situ firmas como Leyma, Rianxeira, Estrella Galicia ou El Correo Gallego

Os alumnos participantes no curso ‘Dirección de empresas familiares’, incluído dentro das actividades da Cátedra de Empresa Familiar, comezan estes días unha serie de visitas a distintas empresas de ámbito galego que destacan polo seu carácter familiar, como Leyma, Jealsa-Rianxeira, Hijos de Rivera-Estrella de Galicia ou El Correo Gallego.
Nesta materia participan 35 persoas que están a desenvolver a súa aprendizaxe este cuadrimestre en Santiago de Compostela, xa que o curso se celebra alternativamente nos dous campus da USC.
O curso está a cargo de José Díez de Castro, que é tamén o director da cátedra, e ten un recoñecemento de libre configuración de seis créditos. Trátase dunha proposta eminentemente práctica, na que se emprega unha metodoloxía de traballo baseada na participación do alumnado a través da realización dunha serie de exercicios e casos prácticos nos que participaron empresarios e profesionais. O período formativo remata coas visitas que deron comezo o venres na empresa leiteira Leyma.
As características da propiedade e a xestión na empresa familiar constitúen un elemento diferenciado con respecto ás empresas non familiares. Destacan estas por introducir unha maior complexidade na súa xestión, que require unha especial sensibilidade para identificar, propoñer e resolver adecuadamente as súas cuestións específicas.
Para formar a estes alumnos nestas particularidades, o curso céntrase en catro eixes básicos: coñecer e identificar as características da empresa familiar, comprender a súa evolución, anticipar e xestionar os conflitos e enfrontar os retos do século XXI, como a internacionalización e a profesionalización da xestión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2008.