Comezaron en Ciencias da Educación as II Xornadas de Innovación Educativa no Mundo Rural
As II Xornadas de Innovación Educativa no Mundo Rural celébranse este mércores 15 e o xoves 16 en Ciencias da Educación (Campus Vida) dirixida a todas aquelas persoas interesada en promover a mellora das condicións de vida no medio rural, así como en coñecer experiencias innovadoras desenvolvidas tanto no ámbito forman como no non formal. Os organizadores das xornadas apelan ao aproveitamento e á optimización de diferentes recursos (materiais, humanos ou relacionais) e á posta en práctica de iniciativas de innovación pedagóxica como vía para favorecer un desenvolvemento integral dos territorios. Neste contexto, os investigadores consideran aos espazos rurais como potenciais catalizadores dese desenvolvemento nos eidos económico, social ou cultural. Co programa deseñado, as xornadas profundarán no coñecemento e a difusión de boas prácticas desenvolvidas en contextos rurais, promovendo a reflexión sobre as dinámicas socioambientais, culturais, educativas, e económicas que lles atinxen. No seu conxunto, esta iniciativa axudará a contextualizar a situación actual do rural galego, definindo prioridades e obxectivas das políticas sectoriais dende unha análise que atenda á súa forma e contido. Ademais, daranse a coñecer iniciativas salientables dende a perspectiva social e educativa que, polo éxito da súa aplicación, se configuran como motores do desenvolvemento local, e achegaráselle aos asistentes estratexias prácticas de dinamización no contexto rural.
As xornadas celebraranse na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) e en Vedra onde os asistentes visitarán diversos puntos de interese e coñecerán experiencias innovadoras que está a desenvolver este concello. No programa daranse cita expertos universitarios, representantes de asociacións de veciños, así como representantes que dende distintos eidos da xestión municipal achegarán as súas experiencias innovadoras.