Ir o contido principal

Comezaron en Ciencias da Educación as segundas xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’

As II Xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’ comezaron este venres na Facultade de Ciencias da Educación onde as inauguraron o decano do centro, Lois Ferradás, xunto ao que tamén interveu o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala. Desta volta as Xornadas están dedicadas á planificación lingüística escolar orientada á normalización, tema que se abordará na xornada do venres e o sábado. A primeira conferencia correu a cargo do profesor Bieito Silva, quen afondou no concepto de planificación lingüística escolar e presentou os diversos modelos lingüísticos vixentes arestora nos sistemas educativos do Estado. A seguir, a profesora do IES de Coristanco Mercedes Queixas referiuse ás mudanza habidas nos últimos anos en materia de planificación lingüística escolar en Galicia, destacando os cambios político-lexislativos e os relacionados con cambios de paradigmas educacionais e metodolóxicos ou os progresos no coñecemento de procesos cognitivos relacionados coas linguas, entre outros. Finalmente, a docente reivindicou a capacidade planificadora en materia idiomática dos centros como ferramenta imprescindible para adaptar os obxectivos xerais ao contexto sociolingüístico de cada escola. A análise e avaliación da experiencia que supuxo a implantación das liñas de galego no ensino infantil centrou a primeira das mesas de experiencias que constitúen a cerna das Xornadas. As liñas de galego en infantil foi unha experiencia piloto que comezou no curso 2006-2007 e que requirían da vontade do profesorado e mais da autorización por escrito de pais e nais dos rapaces. Todos os intervenientes (representantes do CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña, EEI ‘A Pastora’ de Cambados e CEIP ‘A Ponte’ de Ourense, e neste último caso tamén a súa ANPA) destacaron o éxito desta iniciativa vinculada directamente á innovación educativa, á implicación e compromiso de toda a comunidade educativa e ratificaron a consecución real do obxectivo de que ao remate deste ciclo educativo fundamental os nenos adquiriron iguais competencias nas dúas linguas. Así mesmo lamentaron a decisión de eliminar esta experiencia por parte do actual goberno da Xunta sen contar con datos oficiais nin avaliar esta iniciativa, así como sen consultar coas familias que apoiaron a existencia de liñas de galego en infantil. Pola tarde as Xornadas continúan coa análise de experiencias de planificación lingüística orientada á normalización, con participación do CEIP de Aguiño e CPI “Vicente Otero Valcárcel” de Carral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2010.