Ir o contido principal

Comezou na Facultade de Xeografía e Historia o curso de verán 'Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)'

Asistentes ao acto inaugural que se celebrou no Paraninfo da Universidade
Asistentes ao acto inaugural que se celebrou no Paraninfo da Universidade
CURSOS DE VERÁN DA USC 2007. O curso, inaugurado este mércores na Facultade de Xeografía e Historia, inclúe tres concertos sobre a canción galega, o piano galego romántico e de vangarda e sobre...

‘Alén da morriña: Música, identidade e sociabilidade entre os emigrantes galegos da Arxentina no período 1880-1940’ será o tema do relatorio que iniciará este xoves 13 a segunda xornada do curso de verán ‘Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)’, inaugurado este mércores na Facultade de Xeografía e Historia. A intervención, que se desenvolverá na Aula 7 do centro compostelán a partir das 10:00 horas, estará impartida polo profesor da USC Xosé M. Núñez Seixas. Deseguido, o docente da Universidade de Vigo Luis Costa Vázquez pronunciará o relatorio titulado ‘Voces a tempo e a destempo: crónica do coralismo galego na Pontevedra novecentista’.
Xa pola tarde, a profesora da Universidade Complutense María Nagore falará a partir das 16:30 horas sobre a relación entre coralismo e nacionalismo. O programa científico do día rematará cunha mesa redonda sobre ‘Uso e abuso da tradición na construción da identidade’ que vai moderar Luis Costa. O segundo concerto deste curso, ‘O piano galego romántico e de vangarda’, dará comezo ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade da man de Alicia González Permuy.
Na derradeira sesión do curso de verán, o venres 14, a quenda de intervencións dirixiranse á análise do enxebrismo e o tío Marcos da Portela como arquetipo fundacional e funcional da literatura vernácula e da cultura popular galega, da creación da Academia Galega, de Pardo Bazán e a música, e un último relatorio sobre perfís de Galicia dende a vangarda e máis concretamente o de Jesús Bal y Gay. O curso pecharase co concerto ‘Lembranzas corais’ a cargo da Coral El Eco.
No desenvolvemento deste encontro, co que remata a programación dos Cursos de Verán da USC para 2007, participan expertos das tres universidades galegas, da Complutense de Madrid, da Universitat de Barcelona e do CSIC. O curso celébrase na Facultade de Xeografía e Historia baixo a dirección do profesor Carlos Villanueva e cofinanciado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
O programa científico destas xornadas completarase con tres concertos abertos ao público en xeral nos que se dará conta da canción galega e o piano galego romántico e de vangarda, para rematar cun sobre lembranzas corais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.09.2007.